Científicos e científicas de primeiro nivel internacional visitan o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, para avaliar a súa actividade investigadora

O Comité Científico Asesor (Scientific Advisory Board) do IGFAE visitou onte e hoxe as súas instalacións en Santiago de Compostela; unha xornada onde físicos e físicas dalgúns dos centros de investigación máis relevantes do mundo avaliaron o desempeño do Instituto durante este último ano e a estratexia científica actual. Estas avaliacións externas son claves para o modelo de funcionamento do IGFAE e as recomendacións do comité servirán para adecuar os obxectivos e prioridades do centro nos próximos anos.

O encontro comezou onte pola mañá cun resumo da actividade científica do IGFAE por parte do seu director, Carlos A. Salgado, quen comentou así mesmo as novidades acerca da renovación e reestruturación das instalacións do centro. O programa continuou coa presentación dos resultados finais dos proxectos do programa IGNITE do IGFAE, unha convocatoria interna que foi financiada pola acreditación “Unidade de Excelencia María de Maeztu” para desenvolver proxectos innovadores. Esta sesión seguiu coa avaliación en profundidade de tres dos programas científicos do IGFAE, o programa do experimento LHCb do CERN, o programa teórico de QCD a altas densidades e temperaturas e o programa de neutrinos coa súa participación no experimento NEXT e as novas posibilidades de futuro.

Nesta primeira xornada, o comité tamén se reuniu co persoal investigador das etapas iniciais: predoctoral, postdoutoral e junior. O obxectivo foi avaliar aspectos máis relacionados coa integración tanto no instituto como no entorno local de Santiago de Compostela desta parte máis nova do persoal do IGFAE, con maior presenza de extranxeiros e onde varios dos investigadoras e investigadores chegan con familia e fillos. O mentoring e as perspectivas de futuro foron, asimesmo, temas tratados durantes estas reunións.

A visita rematou hoxe cunha reunión dos membros do comité coa Xunta de Goberno á que acodiron por parte da Universidade de Santiago de Compostela o Reitor Antonio López, o vicerreitor de investigación e innovación Vicente Pérez Muñuzuri e o profesor Máximo Plo Casaus; por parte da Xunta, a subdirectora xeral de promoción científica e tecnolóxica universitaria Mª Jesús Tallón Nieto e o responsable do servicio de planificación e estruturación da investigación Faustino Infante Roura.

O comité científico externo que visitou o IGFAE estivo formado por Sergio Bertolucci (Director Científico e de Computación do CERN entre 2009 e 2015); Barbara Erazmus (actual vice-voceira da colaboración ALICE do CERN); Paolo Giubellino (director científico das infraestruturas GSI e FAIR en Darmstadt); Larry McLerran (director do Institute for Nuclear Theory de Seattle) e Giulia Zanderighi (directora do Novel Computational Techniques in Particle Phenomenology Laboratory do Max Planck Institute for Physics, Munich). Nesta ocasión non puideron asistir Gabriela González (voceira do experimento LIGO entre 2011 e 2017) e Francis Halzen (iniciador das colaboracións científicas AMANDA e IceCube no Polo Sur).