Como parte do compromiso coa divulgación da nosa actividade investigadora á sociedade, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) desenvolve todos os anos decenas de charlas divulgativas para centros educativos de Galicia, nas que se abordan as diferentes disciplinas nas que investigamos no noso centro.
Cada curso achegámonos a máis de 50 centros e máis de 1.000 estudantes, que teñen a oportunidade de coñecer ao persoal investigador que traballan nos experimentos e colaboracións internacionais máis punteiros da Física.
Queres que o teu alumnado aprenda sobre buracos negros, cosmoloxía ou ondas gravitacionais? Ou quizais che interesan a materia escura, a física nuclear ou os enigmáticos neutrinos?
No curso 2023/2024 ofrecemos estas 15 charlas para que descubras de forma amena e accesíbel as cuestións da Física que intenta resolver o persoal do IGFAE.