LIGO

En outubro de 2018, o IGFAE uniuse á Colaboración Científica LIGO (LSC, LIGO Scientific Collaboration), unha iniciativa centrada na ciencia de ondas gravitacionais. Estas son oscilacións no espazo-tempo preditas por Einstein hai máis de 100 anos e observadas por primeira vez en setembro de 2015 polo Observatorio de Ondas Gravitacionais por Interferometría Láser (LIGO).

Estas primeiras deteccións foron recoñecidas por, entre outros, o Premio Especial en Física Fundamental en 2016 para as colaboracións LIGO e Virgo –incluídos dous membros do IGFAE –, e o Premio Nobel de Física 2017 para tres científicos pioneiros de LIGO.

Desde a detección de máis de 90 sinais de ondas gravitacionais nos tres primeiros periodos de observación dos detectores avanzados LIGO e Virgo ata 2020, a rede de intercambio de datos ampliouse co novo detector crioxénico KAGRA no Xapón. A cuarta rolda de observación comezou en maio de 2023 cunha maior sensibilidade da rede, e espérase que produza centos de deteccións máis nos próximos 15 meses.

Despois de ser acreditado o IGFAE como Unidade de Excelencia «María de Maeztu» en 2017, identificouse o estudo de ondas gravitacionais como unha liña de investigación cun impacto potencial moi alto, particularmente en relación coa denominada «astrofísica multimensaxero». Esta é unha rama da astrofísica que ten como obxectivo explotar a detección de diferentes de tipos de sinais (fotóns, ondas gravitacionais, raios cósmicos, neutrinos) para mellorar e complementar a información das fontes astrofísicas. Esta nova liña tamén ten sinerxias coas investigacións actuais do Instituto, en concreto, coa forte participación teórica en moitos aspectos da gravidade, o uso de ondas gravitacionais como sondas de materia nuclear ultradensa en estrelas de neutróns, así como con actividades experimentais no marco do Observatorio Pierre Auger, o detector de raios cósmicos de ultra alta enerxía máis grande e preciso do mundo.