Setenta estudantes do último curso de bacharelato de 28 centros de Galicia participaron hoxe na Masterclass virtual “Física de Partículas coas mans” organizada polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), en colaboración coa Sociedade Europea de Física, o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear) e Fermilab (Laboratorio Nacional Fermi), e promovida polo Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas (IPPOG). Nesta edición, na que o alumnado participou desde os seus centros educativos ou desde casa debido á situación sanitaria, cabe destacar a participación feminina, dun 47%. En 2020, as mozas rexistradas só supuxeron o 24%.
Tras a benvida do director do IGFAE Carlos Salgado, a clase maxistral consistiu nunha introdución á Física de Partículas do director executivo asociado e investigador do IGFAE Néstor Armesto, e unha charla sobre detectores de partículas do investigador predoutoral Marcos Romero. Despois tivo lugar unha práctica por ordenador na que identificaron eventos ‒colisións de partículas subatómicas‒ empregando datos reais do experimento CMS do Gran Colisionador de Hadróns (LHC) do CERN.
Pola tarde, o grupo de estudantes puxo en común os resultados do exercicio práctico e conectáronse por videoconferencia co CERN para discutilos con outros centros europeos que organizan simultaneamente unha xornada idéntica na que participan cada ano máis de 13.000 alumnos de 60 países.
A organización desta edición 2021 da Masterclass “Física de Partículas coas mans” estivo a cargo de:
- Juan Ammerman Yebra
- Néstor Armesto Pérez
- Alexandre Brea Rodríguez
- Adrián Casais Vidal
- Beatriz García Plana
- Alessandra Gioventù
- Julián Lomba Castro
- Berta Mariño Lavía
- Elena Mora Cuesta
- Asier Pereiro Castro
- Pablo Rodríguez Baladrón
- Marcos Romero Lamas
- Ramón Ruiz Fernández
- Marcos Antonio Seco Miguélez
- Verónica Villa Ortega
Imaxe: Selección de participantes e membros da organización durante a benvida á masterclass. Crédito: IGFAE