O investigador “Ramón e Cajal” do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) Xabier Cid Vidal vén de ser nomeado membro dun novo comité do CERN: o ECFA Early Career-Researcher. O nomeamento foi anunciado na reunión de novembro do ECFA, o Comité Europeo para Futuros Aceleradores, tras un proceso de deliberación no que os países membros propuxeron ata tres investigadores ou investigadoras en etapa predoutoral ou posdoutoral.
O ECFA Early Career-Researcher é un novo comité permanente cuxos membros han de representar durante os próximos dous anos os intereses do persoal investigador ao comezo da súa carreira no seu país de orixe. Nel encargaranse de discutir todas as cuestións que contribúan ao futuro da investigación en física de partículas e elevarán as súas conclusións anualmente ao ECFA, o comité encargado de asesorar á dirección do CERN e outros comités internacionais nas decisións estratéxicas sobre instalacións europeas de física de partículas e o desenvolvemento dun programa de investigación para Europa.
Xabier Cid Vidal é doutor en Física de Partículas (experimental) pola Universidade de Santiago (USC) e desde 2007 forma parte da colaboración do experimento LHCb do CERN. Na actualidade é investigador “Ramón e Cajal” no IGFAE e coordina varios proxectos como IP. Fixo contribucións esenciais para expandir o alcance da física do LHCb máis aló dos seus obxectivos iniciais, grazas ao seu liderado en física estraña ou exótica. Dentro do LHCb foi coordinador do grupo de traballo QCD, Electroweak, and Exotica (QEE), e actualmente forma parte do seu Speakers Bureau. Ademais do LHCb, Xabier é actualmente o coordinador do grupo de traballo do Dark Matter LHC e é o coordinador de física do proxecto Codex- b, un novo experimento proposto para detectar partículas de longa vida. En paralelo á súa carreira investigadora, Xabier organizou ou participou en numerosas actividades de divulgación, entre elas, charlas en centros educativos, Campus Científicos de Verán ou Masterclases de física de partículas.
Máis información: