A III Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago (USC) arrinca a próxima semana cun programa de actividades para todos os públicos e un formato renovado, completamente virtual, que se retransmitirá en directo pola canle de Youtube do IGFAE (https://www.youtube.com/igfae/). Como a emerxencia sanitaria prohibe desprazamentos e reunións de persoas, achegarémonos a golpe de click a calquera persoa do planeta co obxectivo de dar a coñecer o labor investigador do Instituto e espertar a curiosidade pola ciencia e a física.
O prato forte da semana terá lugar o martes 10 de novembro coa tradicional conferencia publica a cargo dunha investigadora de recoñecido prestixio internacional: Gabriela González, experta en ondas gravitacionais e exvoceira de LIGO cando se anunciou a primeira detección en 2016. O encontro será presentado polo físico e divulgador científico Javier Santaolalla, quen moderará así mesmo a quenda de preguntas final. Tamén haberá unha xornada dedicada á igualdade de xénero en física, ao binomio arte-ciencia co ciclo “Transfronteirizas” e entregaranse os premios do III Concurso de Comunicación Científica.
Martes 10 novembro, 20:00 horas.
Conferencia pública: A que soa o Universo?
As ondas gravitacionais, detectadas por primeira vez en 2015, bríndannos unha forma inédita de coñecer o Universo que non depende da luz da que ata o de agora nos serviamos. Grazas a interferómetros extremadamente precisos, podemos “escoitar” as colisións máis violentas e espectaculares de obxectos como buracos negros e eestrelas de neutróns a miles de millóns de anos luz de distancia, que engurran o espazo-tempo pola súa extrema gravidade. Que descubrimos coas ondas gravitacionais e que achados nos depararán no futuro os detectores espaciais planeados? Nesta conferencia, a investigadora e exvoceira de LIGO, Gabriela González, levaranos de viaxe por esta nova e apaixonante forma de mirar o Cosmos, presentada polo físico, divulgador e youtuber Javier Santaolalla.
Ligazón ao directo: bit.ly/GabrielaGonzalezIGFAE2020
Mércores 11 novembro, 18:00 horas.
Cerimonia de entrega de premios do Concurso de Comunicación Científica (IGFAE C3)
Resolución e entrega de premios do Concurso de Comunicación Científica do IGFAE, que contará coa exposición en directo dos traballos finalistas e intervención dos autores.
Ligazón ao directo: bit.ly/CeremoniaConcursoIGFAE2020
Mércores 11 novembro, 19:00 horas.
Debate: Física: unha ciencia sen xénero?
O sistema de ciencia en España e no mundo non goza dunha plena igualdade na participación de mulleres e homes. Os datos mostran desigualdade das mulleres respecto a os homes en distintas dimensións e campos. En Física, a falta de presenza feminina comeza nos estudos de grao, nas que as alumnas representan en torno ao 30%, e a medida que se ascende na carreira investigadora a situación empeora, mesmo máis segundo a especialización, como en Física Teórica.
Neste debate, tres expertas en igualdade de xénero poñerán sobre a mesa algúns datos e iniciativas que se están a desenvolver para reverter esta situación: Ana Jesús López Díaz (presidenta de AMIT- Gal, vicepresidenta do Grupo de Mulleres en Física da RSEF) Yolanda Lozano (Gender in High Energy Theory – CERN) e Beatriz G. Plana (IGFAE).
Ligazón ao directo: bit.ly/debategeneroIGFAE2020
Xoves 12 novembro, 20:00 horas.
‘Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia’ con Alejandro Dolina e José Edelstein
O escritor, músico, actor, condutor de radio de televisión arxentino, Alejandro Dolina, participará no quinto diálogo do ciclo organizado polo IGFAE cuxo obxectivo é explorar o binomio arte-ciencia con personalidades do ámbito cultural e artístico. O encontro será moderado polo investigador do IGFAE José Edelstein.
Ligazón ao directo: bit.ly/alejandrodolinaIGFAE