- Onte pola tarde produciuse un encontro entre o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, altos cargos de 15 comunidades autónomas, e de 42 institucións de investigación de excelencia
- O IGFAE e outros cinco centros e unidades de excelencia “Severo Ochoa – María de Maeztu” amosaron o impacto que supuxo para eles o programa
- “O apoio das comunidades autónomas á investigación é fundamental para España”, declarou Luis Serrano, presidente da alianza Severo Ochoa – María de Maeztu (SOMMa)
Na tarde de onte produciuse un encontro entre o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, os centros e unidades de investigación distinguidas co selo de excelencia Severo Ochoa e María de Maeztu, e conselleiros e altos cargos de 15 comunidades autónomas. Os programas de excelencia Severo Ochoa e María de Maeztu identifican e promoven a excelencia na investigación científica. O seu obxectivo é impulsar a ciencia española mediante o recoñecemento de centros de investigación de vangarda existentes, brindándolles, ademais, apoio para potenciar o seu impacto, o seu liderado científico internacional e a súa competitividade.
O acto, celebrado no Ministerio, foi co-presidido polo Ministro Pedro Duque e Luis Serrano, presidente da alianza Severo Ochoa – Maria de Maeztu (SOMMa). Tamén participaron da mesa Enrique Playán, director da Axencia Estatal de Investigación e Maria Blasco, vicepresidenta da alianza SOMMa.
O ministro de Ciencia, Innovación e Universidades, Pedro Duque, asegurou “o firme apoio do Goberno ao programa de excelencia Severo Ochoa e María de Maeztu e destacou a importancia de que haxa máis CCAA capaces de albergar centros destas características, o que beneficiará os seus sistemas de ciencia e innovación.” O ministro aclarou, así mesmo, que “os niveis de esixencia seguirán sendo igual de rigorosos que na actualidade, polo que o obxectivo é que haxa máis centros capaces de elevar os seus niveis de excelencia, para o que deberán contar co apoio das distintas administracións.”
Segundo declarou Luis Serrano, “esta reunión é produto dunha postura construtiva e positiva con respecto á investigación en España. É fundamental o interese do goberno e apoio das comunidades autónomas á investigación para que España aspire a ser un país en que rexa a economía do coñecemento. O programa Severo Ochoa – María de Maeztu é unha potente panca da que as comunidades autónomas poden servirse para potenciar aos seus centros de investigación.”
O encontro no Ministerio tivo por obxecto destacar o impacto do programa Severo Ochoa – María de Maeztu, os seus beneficios para a consolidación da investigación de excelencia, e o seu potencial como puntal e trampolín para os polos de investigación das diferentes comunidades autónomas. Seis centros e unidades de investigación, entre os que se atopa o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), expuxeron o seu percorrido ata lograr o galardón e o impacto que tivo a axuda. Ao final do acto, abriuse unha quenda de preguntas, permitindo ás comunidades coñecer como poden beneficiarse do programa.
Na xornada, o director do IGFAE Carlos Salgado presentou o caso deste instituto mixto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta de Galicia, acreditado como Unidade de Excelencia “María de Maeztu” en 2017. Esta distinción, única en Galicia, está a permitir ao instituto levar a cabo un fortalecemento importante da súa base científica, establecendo novas alianzas con grandes infrastructuras internacionais, como a colaboración LIGO en ondas gravitacionais. A acción principal para este fortalecemento é un ambicioso programa de captación de talento chamado IGFAE Global Talent que nun só ano permitiu abrir estas novas liñas e conseguir financiamento externo en convocatorias tan competitivas como Ramón y Cajal ou La Caixa. Un fortalecemento das unidades técnicas de computación de altas capacidades, xestión e comunicación, así como unha implementación máis dinámica da dirección do centro están tamén na base destes éxitos. Por outra parte, grazas á distinción María de Maeztu o IGFAE entra a formar parte da rede de centros impulsadas desde a Consellería de Educación da Xunta de Galicia cun modelo de funcionamento como centro mixto único no sistema galego.
Ademais do IGFAE, tamén expuxeron o seu percorrido o Instituto de Física Interdisciplinar y Sistemas Complejos (IFISC; Islas Baleares), o Departamento de Regulación Génica y Morfogénesis (GEM/DCM2, Andalucía), o Instituto de Neurociencias de Alicante (IN; Comunidad Valenciana), o Basque Center for Applied Mathematics (BCAM, País Vasco) e o Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC, Canarias), facendo patente a presenza de investigación de excelencia en boa parte da xeografía española. Acompañando a estes institutos, os centros e unidades Severo Ochoa – María de Maeztu de Cantabria, Madrid e Cataluña tamén asistiron e participaron no diálogo cos representantes das CCAAs.