Un ano máis, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en colaboración coa Sociedade Europea de Física, o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear) e Fermilab (Laboratorio Nacional Fermi), organiza unha Masterclass de Física de Partículas o vindeiro xoves 11 de marzo para estudantes do último curso de bacharelato. Promovida polo “Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas” e denominada “Física de Partículas coas mans”, a masterclass este ano será completamente virtual debido á situación sanitaria. Consistirá nunha serie de conferencias sobre a Física de Partículas actual, ademais dunha práctica realizada en grupo cuxos resultados serán discutidos mediante videoconferencia con outros centros europeos que organizan simultaneamente unha xornada idéntica na que participan cada ano máis de 13.000 alumnos de 52 países.
Ata dous estudantes por centro e un docente poderán participar neste simulacro da actividade científica profesional. Co obxectivo de que poidan aproveitar a experiencia ao máximo, é importante a afección pola ciencia e o coñecemento do inglés para a realización da videoconferencia. A inscrición realizarase por orde de solicitude neste formulario (https://igfae.usc.es/masterclass/index.php/inscricions/), priorizando a centros que participan por primeira vez. En casos excepcionais, coma o de centros con alto número de alumnos, poderase solicitar a asistencia alumnos extra. A data límite de inscrición é o venres 5 de marzo.
Máis información: https://igfae.usc.es/masterclass/