O director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), Carlos A. Salgado, vén de ser nomeado membro do Plenary European Committee for Future Accelerators (Plenary ECFA), un comité cuxo obxectivo é asesorar á Dirección do CERN, ao Consello do CERN e os seus Comités, ademais doutras organizacións nacionais ou internacionais, na planificación de instalacións europeas de física de partículas e o desenvolvemento dun programa de investigación adecuado ás necesidades da comunidade científica en Europa. Desde 1966 promove a coordinación internacional e o equilibro de instalacións, recursos e roles entre os laboratorios e institutos universitarios dedicados á física de altas enerxías.
Propostos polos seus países de orixe e nomeados polo EFCA, os membros do plenario deciden sobre todas as actividades do comité e a admisión de novos países e observadores, ademais de representar os intereses da comunidade de física de alta enerxía do seu país durante os seis anos que ocupan o cargo, entre outras funcións.
Na última reunión do EFCA, celebrada o 13 de xullo, discutiuse como implementar a recentemente aprobada Estratexia Europea de Física de Partículas que guía o futuro desta disciplina en Europa dentro do panorama mundial.
Máis información: