O historiador barquense Ricardo Gurriarán participará no terceiro diálogo do ciclo organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) cuxo obxectivo é explorar o binomio arte-ciencia con personalidades do ámbito cultural e artístico. Moderado polo investigador do IGFAE Cibrán Santamarina, poderá seguirse en directo o vindeiro martes, 22 de setembro, ás 19:00 horas a través da canle de Youtube do IGFAE.
“Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia” volve tras o parón estival cun especialista en reconstruír a memoria científica ligada a Galicia: Ricardo Gurriarán. Este historiador súmase, tras o paso de Rosa Montero e José “Pepe” Gordon, a este ciclo de entrevistas virtuais para reflexionar acerca das conexións entre a física, a ciencia e a cultura, e descubrirnos algúns detalles sobre a primeira visita dun premio Nobel a Galicia, Erwin Schrödinger, quen pronunciou unha conferencia na Universidade de Santiago (USC) o 3 de agosto de 1934. O público poderá seguir e participar en directo neste diálogo, dirixido polo investigador do IGFAE e profesor da USC, Cibrán Santamarina, na canle de Youtube do IGFAE o vindeiro martes 22 ás 19:00 horas (España).
Ricardo Gurriarán Rodríguez (O Barco de Valdeorras, 1953), licenciado en Educación Física (INEF) pola Universidade Politécnica de Madrid, foi profesor no IES A. Xelmírez I de Santiago de Compostela desde 1977 ata a súa xubilación. En 2004, conseguiu o título de Doutor en Historia Contemporánea pola USC coa tese A investigación científica en Galicia (1900-1940): institucións, redes formativas e carreiras académicas: A ruptura de Guerra Civil. O seu compromiso coa reconstrución da memoria histórica de Galicia e o seu interese polos estudos de ciencias leváronlle a ser asesor científico da película Os fillos do sol e recibir o premio Lois Peña Novo 2015.
Arte, ciencia e sociedade
Organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta de Galicia, “Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia” é un ciclo de diálogos virtuais emitidos en Youtube no que convidamos a figuras do ámbito cultural a explorar as interseccións entre a arte e a ciencia co noso persoal investigador, buscando un enfoque interdisciplinar. Esta iniciativa insérese dentro do programa ArtLAB, que pretende tender pontes e fomentar a participación entre a sociedade e a comunidade investigadora a través de distintas expresións artísticas.
Máis información:
- O escritor e xornalista mexicano José Gordon, próximo invitado do ciclo “Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia”
- Vídeo do dialogo co José “Pepe” Gordon
- Rosa Montero iniciará este viernes “Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia”
- Vídeo do diálogo co Rosa Montero en Youtube
- Canal de Youtube deo IGFAE
Máis actividades do programa ArtLAB:
Esta actividad foi confinanciada con cargo ao Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.