O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) celebra este xoves 9 de novembro, a partir das 20 horas, unha nova entrega do ciclo ‘Transfronteirizas. Conversas de Arte e Ciencia’. O convidado nesta ocasión será o físico estadounidense Alan Sokal, que conversará co investigador do IGFAE Jose Edelstein. O encontro, que abrirá o programa de actividades da VI Edición da Semana da Ciencia do IGFAE, poderá seguirse en directo a través da canle de YouTube do centro.
No ano 1996, este investigador protagonizou o coñecido como ‘Escándalo Sokal’, co que evidenciou a falta de rigor intelectual en algúns sectores da academia: redactou un artigo cheo de conceptos grandilocuentes, pero sen sentido, no que sostiña que a gravidade cuántica non é máis ca un constructo social e lingüístico. O artigo, titulado Transgredir as fronteiras: cara a unha hermenéutica transformadora da gravidade cuántica, foi publicado na revista Social Text, unha revista académica da Universidade de Duke, que trataba cuestións sociais e culturais.
Ao mesmo tempo, Sokal preparou outro artigo no que revelaba o calote, afirmaba que o primeiro texto foi concibido como unha parodia e criticaba a algúns referentes das ciencias sociais e humanidades por deixar de lado o rigor e a razón en favor de prexuízos ideolóxicos. Sokal enviouno a Social Text, que rexeitou publicalo, polo que o texto acabou saíndo na revista Lingua Franca.
En 1997, Sokal publicou xunto a Jean Bricmont, físico belga, o libro Imposturas intelectuais, no que afondaba na súa idea, baseada en dúas cuestións relacionadas entre si: o uso pretencioso e temerario de conceptos científicos por parte dun grupo de filósofos e intelectuais influentes e, por outra banda, os problemas do relativismo cognitivo, que sostén que a ciencia moderna non é máis que un mito ou narrativa. Neste sentido, Sokal e Bricmont argumentaban que algúns dos referentes intelectuais da posmodernidade deturpaban conceptos da física e as matemáticas para reforzar as súas crenzas e discursos.
O traballo de Sokal espertou nos seguintes anos moi diversas reflexións sobre a relación entre as consideradas como ‘dúas culturas’ (ciencias e humanidades) e sobre a filosofía da ciencia. E, nos últimos anos, segue tamén vivo debido ao crecente fenómeno das coñecidas como revistas depredadoras, que aceptan traballos que non cumpren cos mínimos criterios de calidade.
Sobre Alan Sokal
Alan D. Sokal (Boston, 1955) é profesor de Matemáticas no University College London e profesor emérito de Física da Universidade de Nova York. Graduouse en Física en Harvard e realizou a súa tese de doutoramento en Princeton. Está especializado en disciplinas como a mecánica estatística ou a física computacional.
Encontros para tender pontes entre arte e ciencia
Organizado polo ArtLab do IGFAE, ‘Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia’ é un ciclo de diálogos virtuais emitidos en Youtube no que se convidan a figuras do ámbito cultural a explorar as interseccións entre a arte e a ciencia co noso persoal investigador, buscando un enfoque interdisciplinario. O ciclo, nacido o 15 de maio de 2020 con Rosa Montero, recibiu neste tempo a personaxes como Javier Ruibal, Alejandro Dolina, Anna R. Figueiredo ou Agustín Fernández Mallo, co obxectivo de tender pontes e fomentar a participación entre a sociedade e a comunidade investigadora a través de distintas expresións artísticas.
- Canle de Youtube do IGFAE: https://www.youtube.com/c/IGFAE
- Edicións anteriores de ‘Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia’: https://igfae.usc.es/labs/transfronteirizas