A matemática e divulgadora Marta Macho Stadler (Bilbao, 1962) ofrecerá o martes 26 de novembro en Santiago de Compostela a conferencia “Mulleres e ciencia: a ecuación funciona?”. A actividade, unha iniciativa do Grupo de Traballo en Xénero e Diversidade do IGFAE, terá lugar as 12.15 hora, na Aula Magna Ramón María Aller Ulloa da Facultade de Matemáticas. Será aberta ao público, con entrada libre e gratuíta ata completar capacidade.
Na súa intervención, a divulgadora abordará algunhas claves sobre a escasa presenza feminina nalgunhas disciplinas científicas e tecnolóxicas (como é o caso da física de partículas, astropartículas e nuclear, áreas de investigación do IGFAE) e como esta fenda se empeza a abrir desde idades moi temperás. Afondará nos debates arredor da capacidade, preferencias e diferenzas entre homes e mulleres, e a orixe destas diverxencias. Neste contexto, e a través da reflexión, durante a conferencia procurarase comprender mellor a situación actual no ámbito STEM, e buscar posibles medidas e accións para fomentar os cambios que se precisan.
Sobre Marta Macho
Marta Macho é profesora de Xeometría e Topoloxía na Universidade do País Vasco (EHU / UPV). Ademais da súa actividade docente, acumula unha longa traxectoria na divulgación, con acento na visibilización das figuras femininas na historia da ciencia. Entre outras moitas actividades, é editora do espazo dixital Mujeres con Ciencia, da Cátedra de Cultura Científica da UPV, que desde 2014 compila miles de artigos sobre a presenza feminina e os nesgos de xénero nas contornas científicas e tecnolóxicas.
O labor científico e divulgativo de Marta Macho fíxoa merecedora, entre outros galardóns, do Premio igUAldad da Universidad de Alicante (2015), a Medalla da Real Sociedad Española de Matemáticas (2015), o premio Emakunde á igualdade do Goberno Vasco (2016), o nomeamento como Ilustre de Bilbao (2019), o premio Lilly de Divulgación Científica (2023) ou o Premio Mujeres Científicas (2023).
➡️ Martes 26 | 12.15 | Facultade de Matemáticas da @UniversidadeUSC
🗣️ Conferencia de @MartaMachoS: “Mulleres e ciencia: a ecuación funciona?” pic.twitter.com/wGF7vP5FWf
— ⚡ Instituto Galego de Física de Altas Enerxías ⚛️ (@IGFAE_HEP) November 14, 2024
Semana da Ciencia 2024
A celebración da Semana da Ciencia do IGFAE dá comezo o sábado 23 de novembro coa oitava xornada de portas abertas Ciencia Singular, nas que participan os cinco centros de investigación da USC que forman parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
O martes 26, ás 20.00 horas, A Nave de Vidán acollerá unha nova edición da NerdNite, na que os investigadores Jorge Mira, Víctor López e Bernardo Adeva analizarán, desde diversas perspectivas, a Revolución de Novembro de 1974, un mes clave para a historia da física de partículas.
A programación continuará o mércores 27 (Auditorio Abanca, 20.00 horas) coa conferencia do físico greco-francés Jean Iliopoulos (Kalamata, 1943), 50 anos que cambiaron a física fundamental: de moitos modelos a unha teoría, contará ao público como o descubrimento que impulsou desde a perspectiva teórica supuxo un cambio radical na percepción da estrutura fundamental da materia, impulsando unha nova visión sobre a natureza das forzas fundamentais.
A Semana da Ciencia concluirá o venres 29, ás 19.30 horas, na sede do IGFAE, cunha nova edición do ciclo Transfronteirizas: conversas de arte e ciencia. Nesta ocasión, o investigador Héctor Álvarez e a artista Paula Quintas compartirán co público asistente o proceso de creación do seu proxecto Mundo Quark. Danza Cuántica, unha iniciativa artística que parte do Modelo Estándar para representar as partículas elementais e as interaccións entre elas a través da danza e o movemento corporal.
Durante a Semana da Ciencia tamén se anunciarán os traballos gañadores na sétima edición do Concurso de Comunicación Científica IGFAE C3. Este certame reparte 1.600 euros en premios nas súas catro categorías (artigo divulgativo, fotografía, vídeo e proxecto orixinal).
Todas as actividades da Semana da Ciencia serán de acceso libre e gratuíto ata completar capacidade, e están dirixidas ao público xeral, con especial interese para o alumnado de secundaria, bacharelato e universidade con interese pola ciencia en xeral e a física en particular.