O investigador do IGFAE e profesor da USC José Edelstein foi galardoado co premio máis prestixioso en cultura científica de España, o “Prismas 2019” ao mellor libro de divulgación, pola súa obra “Einstein para perplejos”. Escrito xunto ao físico chileno Andrés Gomberoff, o xurado desta XXXII edición destacou que a obra “presenta un tema xa tratado profusamente desde unha perspectiva orixinal”.
Segundo os autores, Albert Einstein é un modelo universal dae intelixencia, humanidade e imaxinación, pero a súa obra permaneceu distante para o público xeral. Con “Einstein para perplejos”, buscan reverter esta situación. Para iso abordan o contexto histórico e intelectual no que se orixinaron as ideas de Einstein e tamén o legado que deixou tras a súa morte, mostrando no seu tempo e no actual a un científico que, entre outras cousas, predixo fai cen anos a existencia de ondas gravitacionais que recentemente revolucionaron á astronomía.
“Estou feliz co premio recibido por un libro tan significativo para min. A importancia dun premio defínese polo seu palmarés, e o dos Prismas é extraordinario: Stephen Jay Gould, Jared Diamond, Edward O. Wilson, Richard Dawkins, entre tanta outra xente á que admiro. Non podo estar máis encantado.”
O labor divulgativo de José Edelstein foi galardoada en varias concursos nacionais e internacionais, entre os que destacan o premio “Raíces” do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía de Arxentina en 2018, o premio de Divulgación Científica do Centro Español de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear (CPAN) en 2010, 2011, 2013, 2015 e 2016, o Premio de Comunicación Científica da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) en 2012 e diversas mencións de honra no Concurso Internacional Ciencia en Acción.
O xurado decidiu outorgar os “Prismas 2019” despois das reunións celebradas durante o 28 e 29 de setembro. Foi presidido polo investigador do CSIC Lluis Montoliu, e contou coa profesora titular da Universidade da Coruña Esther Rodríguez Belmonte, a responsable de eLearning no Centro de Supercomputación de Galicia María José Rodríguez Malmierca, o xornalista científico en Materia Javier Salas Quesada, a investigadora e comunicadora científica Marta Palomo de Udaeta, e o responsable da unidade Fomento da cultura científica da FECYT César López García. O xefe de servizo dos Museos Científicos Coruñeses Marcos Pérez Maldonado actuou como secretario.
Os Prismas Casa das Ciencias á Divulgación son unha iniciativa dos Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) para premiar a difusión da cultura científica, e para apoiar a todos os profesionais que traballan neste campo.