O director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago (USC) e a Xunta de Galicia, recibe esta distinción da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), que recoñece ao personal científico de prestixio que desenvolve a maior parte da súa carreira investigadora en Galicia.
A medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, correspóndelle na súa segunda edición a Carlos Salgado, director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), único centro galego ata agora coa distinción de Unidade de Excelencia María de Maeztu. Doutorado en Física Teórica pola USC, Salgado (Monforte de Lemos, 1971) completou a súa formación con estadías nas Universidades de París Sur e Roma e no CERN. No ano 2011 recibiu unha axuda Starting Grant do European Research Council (ERC) e no 2019 unha Advanced Grant. Salgado está á fronte dun grupo referente internacional na teoría e fenomenoloxía de interacción forte en condicións de altas temperaturas e densidades, relativa á materia que formaba todo o Universo uns microsegundos despois do Big Bang e que se produce en laboratorio nos grandes aceleradores de partículas, especialmente no LHC do CERN.
Ademáis de Salgado, otros catro investigadores galegos en activo reciben o vindeiro xoves día 8 as Medallas de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC): José Manuel Sabucedo e Luis Miguel Botana, da USC; e Jesús Simal e Xosé Ramón Nóvoa, da Universidade de Vigo (Uvigo).
A entrega das medallas terá lugar no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, no Colexio de Fonseca (Santiago), que será presidido polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da RAGC, Juan M. Lema Rodicio. Tamén se homenaxeará a figura de Andrés Comerma, o enxeñeiro que deseñou o Dique da Campá no Arsenal de Ferrol, e serán entregados os Premios de Investigación Ernesto Viéitez.
As Medallas de Investigación da RAGC distinguen a científicos e científicas de prestixio que desenvolvesen a maior parte da súa carreira investigadora en Galicia en cada unha das súas cinco seccións.
A celebración da ciencia
A entrega das medallas forma parte da celebración do Día da Ciencia en Galicia, que a RAGC promove para poñer en valor a traxectoria dos científicos que historicamente e na actualidade contribúen de forma significativa ao avance do coñecemento e á súa aplicación á mellora da calidade de vida das persoas e ao progreso económico de Galicia.
Neste marco, no acto académico do vindeiro xoves homenaxéase a figura do enxeñeiro e arquitecto naval, farmacéutico, escritor e divulgador Andrés Comerma, responsable do deseño da obra máis importante realizada en Galicia no século XIX –o Dique da Campá no Arsenal de Ferrol– e introduciu numerosas innovacións tecnolóxicas en Galicia, como a telefonía e os raios X.
Tamén serán entregados os Premios de Investigación Ernesto Viéitez a un equipo liderado polo Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC e a un enxeñeiro do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC.