O IGFAE lanza a primeira das súas actividades organizadas no marco da Semana da Ciencia que terá lugar en novembro: a segunda edición do Concurso de Comunicación Científica (C3). O obxectivo deste concurso é promover a cultura científica da cidadanía e, en particular, fomentar o interese pola Física, estimulando a aprendizaxe dos seus fundamentos.
A participación no concurso está aberta a calquera persoa, con especial énfase no persoal investigador dos organismos públicos de investigación; en estudantes de doutoramento, máster e grao; en alumando de ESO e Bacharelato, profesorado que traballa no ámbito da docencia da Física e nos profesionais da divulgación científica e xornalistas.
Está rexido polas seguintes regras:
1. Estrutura do concurso
O concurso divídese en tres categorías:
a) Monólogos científicos
Convócase un concurso de monólogos científicos con temática relacionada coa Física, especialmente aquela que é obxecto de estudo das áreas de investigación do IGFAE. A duración máxima do monólogo será de tres minutos e non se permitirá o uso de proxector ou ferramentas audiovisuais. Será realizado en galego, español ou inglés durante a Semana da Ciencia.
Prazo de inscrición : ata o día 31 de outubro ás 23:59 (hora en Santiago de Compostela).
Xeito de inscrición: enviando unha mensaxe ao correo electrónico a: monologos-C3-2019@igfae.usc.es
A mensaxe deberá incluír o nome e apelidos da pesoa concursante, título do monólogo, teléfono de contacto e un breve parágrafo que nos permita presentarvos (es estudante?, profesor/a?, centro?, curso?). Se o número de monólogos rexistrados excedera a capacidade de acomodalos nunha única sesión, a organización resérvase o dereito de solicitar ás persoas participantes un vídeo coa súa intervención para realizaren unha selección previa.
Xurado: membros do IGFAE.
Premio: un iPad mini para o mellor monólogo.
b) Experimentos, demostracións ou aplicacións web ou para dispositivos móbiles
Convócase un concurso para os mellores proxectos de experimentos, demostracións ou aplicacións web ou para dispositivos móbiles cun tema relacionado coa Física, especialmente aquela que é obxecto de estudo dentro das áreas de investigación do IGFAE.
As persoas participantes deberán elaborar unha memoria en formato PDF que incluirá título, resumo do experimento, demostración ou aplicación, obxectivo e principio científico sobre o que está baseado ou que pretende demostrar, explicación de montaxe, material necesario para á súa execución, orzamento detallado necesario para poñelo en marcha (máximo de 500 euros), posibles exercicios que se poidan realizar, fotografías, diagramas ou ligazóns a material audiovisual que mostren en que consiste e demostre a súa viabilidade. A memoria poderase presentar en galego, español ou inglés cunha lonxitude máxima de 8 páxinas en formato A4, tamaño mínimo de fonte de 12 puntos, marxes mínimas de 1 cm a cada lado da páxina e cun interlineado de 1,15 puntos.
O concurso dividirase en dúas fases:
- Durante a Semana da Ciencia o xurado seleccionará ata un máximo de 5 propostas de proxectos, que pasarán á seguinte fase.
- Os 5 proxectos preseleccionados terán ata maio de 2020 para ser elaborados, momento no que se presentarán no IGFAE e o xurado seleccionará o proxecto gañador.
Prazo de inscrición: ata o día 31 de outubro ás 23:59 (hora en Santiago de Compostela).
Xeito de inscrición: enviando unha mensaxe ao correo electrónico a: experimentos-C3-2019@igfae.usc.es
A mensaxe deberá incluír o nome e apelidos da pesoa concursante, a memoria, teléfono de contacto e un breve parágrafo que nos permita coñecervos (es estudante?, profesor/a?, centro?, curso?). Se formades un equipo, enviade esa información de tódolos/as membros e indicade quen é a persoa de contacto.
Xurado: membros do IGFAE, con participación de Manuel Miramontes en representación de Museos Científicos Coruñeses.
Premio: ata un máximo de 500 euros para 5 finalistas destinados á construción do experimento, demostración ou aplicación, a fin de presentalo nos Museos Científicos Coruñeses (https://i.gal/mc2) . O mellor recibirá tamén un premio de 500 euros.
c) Artigos de divulgación
Convócase un concurso para o mellor artigo de divulgación científica con tema relacionado coa Física, especialmente a aquela que é obxecto de estudo dentro das áreas de investigación do IGFAE. Poderán estar redactados en galego, español ou inglés, terán unha extensión máxima de 1.200 palabras e deberán ser enviados nun ficheiro PDF con formato libre. Os textos non poden ter sido publicados anteriormente nin ter compromisos de publicación.
Prazo de inscrición : ata o día 31 de outubro ás 23:59 (hora de Santiago de Compostela).
Xeito de inscrición: enviando unha mensaxe ao correo electrónico a: artigos-C3-2019@igfae.usc.es
A mensaxe deberá incluír o nome e apelidos da pesoa partipante, o artigo, teléfono de contacto e un breve parágrafo que nos permita coñecervos (es estudante?, profesor/a?, centro?, curso?).
Xurado: membros do IGFAE.
Premio : un iPad mini para o mellor artigo.
2. Participación
Pódese competir en calquera categoría e enviar o número de traballos que se desexe.
A presentación dun traballo en calquera categoría implica a aceptación destas regras.
3. Xurados e criterios de selección
As contribucións recibidas serán avaliadas por un panel que incluirá persoal investigador do IGFAE e persoas externas ao mesmo.
Na avaliación dos traballos terase en conta o rigor e a calidade dos conceptos presentados, orixinalidade e interese do tema, como se axeitan aos obxectivos do certame e, sobre todo, a capacidade de comunicar o contido a un público non experto. Ademais, teranse en conta outros aspectos como a orixinalidade dos materiais e a variedade de recursos empregados.
As decisións dos xurados comunicarase durante a cerimonia de entrega de premios que se realizará durante a Semana da Ciencia.
Os xurados poden declarar deserta calquera categoría e conceder unha ou máis mencións de honra.
As decisións do xurado non serán apelables.
4. Dereitos de propiedade intelectual
A presentación ao concurso implica unha declaración dos participantes sobre a orixinalidade dos traballos, de que son os lexítimos posuidores de tódolos dereitos propios dos mesmos e de que non violan os dereitos de terceiros. No caso de que esta garantía fose probada falsa, e/ou no caso de que se comezasen accións por parte de terceiros para defender os dereitos sobre a obra, imaxes ou composicións, os participantes serán responsables desta vulneración, sendo exonerada a organización de toda responsabilidade.
A participación no concurso implica a cesión libre ao IGFAE dos dereitos non exclusivos de reprodución, distribución e comunicación pública das obras premiadas ou con mención de honra desde o sitio web de IGFAE , medios impresos ou dixitais. Do mesmo xeito, o IGFAE podería cedelos a revistas, xornais, editoriais ou sociedades sen ánimo de lucro para as súas actividades de difusión a nivel nacional e internacional.
As persoas premiadas premiados poderán facer públicos os traballos polos medios que consideren axeitados, sempre que fagan constar que estes recibiron un premio neste concurso.
Calquera dato persoal enviado á organización será empregado só para a xestión do concurso.
5. Modificación das bases
A organización resérvase o dereito de modificar calquera punto destas bases se as circunstancias o requiren. Disto daríase a publicidade a través da web da Semana da Ciencia 2019 do IGFAE (https://igfae.usc.es/igfae/gl/scienceweek2019).
6. Premios
Todos os premios atópanse suxeitos ás obrigacións tributarias correspondentes conforme o disposto na normativa vixente.
7. Fechas e lugar de celebración
A organización comunicará tan pronto como sexa posible a través da web da Semana da Ciencia 2019 do IGFAE (https://igfae.usc.es/igfae/gl/scienceweek2019) as datas nas que se celebrará a Semana da Ciencia, así como o día e lugar onde se presentarán os monólogos, se anunciarán os gañadores dos mesmos e dos artigos, ademais dos 5 proxectos preseleccionados.
Bases completas do concurso en ENG, ESP & GAL.
Actualización:
Gañador da categoría “Artigos divulgativos”:
Adolfo Otero Fumega: “Flora e fauna particular”. (resolución do xurado)
Gañadores da primeira fase da categoría “Experimentos, demonstracións, o aplicacións web o móbiles:
Marcos Quintas Pérez, Yago Radziunas Salinas e Marcos Suárez Vázquez: “Detección y evaluación del pico de Bragg mediante sensor CMOS”.
Ana Lamas Rodríguez, Luis Barba Cepedello, Tomás López Vizcaino, Roi Suárez López e Mª José Fernández Yáñez: “Simulador educativo dun acelerador de partículas”.
Ramón Cid Manzano e Isaac Valiña Lema: “Medindo a radiactividade do radón no noso instituto” (resolución do xurado)