“Transfronteirizas: conversas de arte e ciencia”, o ciclo de diálogos en liña do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), explorará mañá un novo formato, unha charla á tres con dúas persoas que indagaron como poucos a intersección entre arte e ciencia: os escritores Agustín Fernández Mallo e Guillermo Martínez. Físico e matemático, respectivamente, de ambos podería dicirse que nutriron os seus textos literarios con abundante zume proveniente da súa formación científica. O encontro poderá seguirse en directo ás 20:00 horas na canle de Youtube do instituto, moderado polo investigador do IGFAE José Edelstein.
Agustín Fernández Mallo (A Coruña, 1967) teourizou sobre a necesidade de fundar un novo paradigma poético de raíces científicas nun extraordinario libro titulado “Postpoesía, hacia un nuevo paradigma”, que foi finalista do Premio Anagrama de Ensaio. Autor do chamado Proxecto Nocilla, que chegou a dar nome a toda unha xeración de escritores, a súa obra foi traducida a dez idiomas. A súa novela máis recente, “Trilogía de la guerra”, obtivo o Premio Biblioteca Breve e a súa tradución ao inglés o English PEN Award, mentres que o seu ensaio “Teoría general de la basura”, recibiu o Premio Cálamo Extraordinario.
Guillermo Martínez (Baía Branca, 1962) tamén reflexionou sobre este territorio común entre arte e ciencia en varios libros de ensaio, como “Borges y la matemática” ou “La razón literaria”, ademais de incorporar maxistralmente elementos matemáticos na novela policial. A súa novela “Crímenes imperceptibles”, inspirada na experiencia vivida en Oxford durante o seu doutoramento, recibiu, entre outros, o premio Planeta en Arxentina e foi levada ao cinema polo director Álex de la Iglesia, mentres que a máis recente, “Los crímenes de Alicia”, obtivo o Premio Nadal de novela. Tamén recibiu o Premio Hispanoamericano de Conto Gabriel García Márquez.
Arte, ciencia e sociedade
Organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta de Galicia, “Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia” é un ciclo de diálogos virtuais emitidos en Youtube no que convidamos a figuras do ámbito cultural, como Rosa Montero, Javier Ruibal, Alejandro Doilna e Anna R. Figueiredo, a explorar as interseccións entre a arte e a ciencia co noso persoal investigador, buscando un enfoque interdisciplinar. O obxectivo desta actividade que forma parte do ArtLab do IGFAE é tender pontes e fomentar a participación entre a sociedade e a comunidade investigadora a través de distintas expresións artísticas.
Máis información:
- A física das palabras: Anna R. Figueiredo participará este xoves no ciclo “Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia” do IGFAE / (conversa en Youtube)
- Matemáticas, literatura e mulleres con Marta Macho Stadler no próximo “Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia” / (conversa en Youtube)
- José Ignacio Latorre, este xoves en ‘Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia’ / (conversa en Youtube)
- O escritor, músico, actor, condutor de radio de televisión arxentino, Alejandro Dolina no quinto diálogo do ciclo ‘Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia’ / (conversa en Youtube)
- Schrödinger en Santiago e outras anécdotas científicas co historiador Ricardo Gurriarán, próximo invitado do ciclo ‘Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia’ / (conversa en Youtube)
- O escritor e xornalista mexicano José Gordon, próximo invitado do ciclo ‘Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia’ / (conversa en Youtube)
- Rosa Montero iniciará este viernes ‘Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia’ / (conversa en Youtube)