A vicepresidenta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e doutora en Física, Anna R. Figueiredo, participará o vindeiro xoves, 8 de abril, na oitava conversa virtual do ciclo do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Moderado polo investigador do IGFAE e profesor da USC José Edelstein, o encontro emitido en directo pola canle de Youtube do IGFAE ten por obxectivo tender pontes e fomentar a participación entre a sociedade e a comunidade investigadora a través de distintas expresións artísticas: a literatura e a ciencia nesta ocasión.

Anna R. Figueiredo (Ourense, 1979) é licenciada en Física pola USC na especialidade de física de partículas e realizou o seu doutoramento na Sheffield University, traballando no estudo de como a morfoloxía na interface dos materiais semiconductores poliméricos inflúe na transmisión electrónica nos transistores de efecto campo. Actualmente imparte materias científico-tecnolóxicas para ESO e Bacharelato no I.E.S As Barxas (Moaña), labor que compaxina coa docencia de cursos de escritura creativa. O seu primeiro curso coa Escola de Letras da editorial Galaxia, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, dará comezo en setembro de 2021 e terá por título “Escribir a primeira novela”.

Participou en programas de divulgación da investigación na escola como Researchers in Residence e escribiu artigos de opinión para xornais como La Voz de Galicia ou Nós diario desde a defensa da interdisciplinaridad das artes e as ciencias e o punto de vista integrador polo que un estudante non é “nin de ciencias, nin de letras”. Firme defensora do papel da muller na ciencia e da necesidade da igualdade de oportunidades e discursos que cheguen a todo o estudantado, participou en charlas divulgativas sobre ciencia e/ou feminismo en distintos centros culturais e educativos. No ámbito literario, a súa novela debut, Os bicos feridos (editorial Galaxia), gañou o galardón da primeira edición do premio Viadutos de Novela do Concello de Redondela. Nela, o seu protagonista, Olivia, observa o mundo desde preceptos estudados na física e as matemáticas con total naturalidade, establecendo límites que tenden a infinito, condicións de continuidade, singularidades ou condicións suficientes e necesarias para sobrevivir. Desde a súa escritura tenta transcribir un mundo real nunha contorna literaria a través do precepto da beleza da física e a matemática e a súa capacidade universal de explicar e conter tanto a realidade como a ficción.

Arte, ciencia e sociedade

Organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta de Galicia, “Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia” é un ciclo de diálogos virtuais emitidos en Youtube no que convidamos a figuras do ámbito cultural a explorar as interseccións entre a arte e a ciencia co noso persoal investigador, buscando un enfoque interdisciplinar. O obxectivo é tender pontes e fomentar a participación entre a sociedade e a comunidade investigadora a través de distintas expresións artísticas.

Máis información:

Máis actividades do programa ArtLAB:

Esta actividad foi confinanciada con cargo ao Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Crédito da imaxen do cartel: Diego Seixo.