O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) retoma este mércores 12 de setembro, a partir das 19 horas, o ciclo ‘Transfronteirizas. Conversas de Arte e Ciencia’, mergullándose nunha das estreas que ocupa a carteleira nas últimas semanas: a película ¡Salta!, da produtora galega Vaca Films. No diálogo participarán a directora do filme, Olga Osorio, e o actor protagonista, Tamar Novas. O encontro poderá seguirse en directo a través da canle de YouTube do IGFAE.
Osorio e Novas conversarán con Jose Edelstein, investigador do IGFAE e asesor científico de ¡Salta!, en cuxa trama xogan un papel moi relevante os buratos de verme. Estas estruturas teóricas, cuxos primeiros vestixios atópanse nun traballo publicado por Albert Einstein e Nathan Rosen en 1935, poderían conectar dúas rexións espazo-temporais arbitrariamente distantes, permitindo as viaxes no tempo. A súa presenza no cinema ten precedentes en películas como Contacto ou Interestelar.
Os buratos de verme e as viaxes no tempo
O filme ‘¡Salta!’ é unha adaptación da curtametraxe Einstein-Rosen (2016), tamén dirixida por Olga Osorio. Nela cóntase a historia de dous irmáns, Teo e Óscar, despois de que Teo descubra que no patio do bloque de vivendas onde reside hai unha porta de entrada a un burato de verme. A película, estreada este setembro, afonda na relación de Teo e Óscar, e en como cada un afronta a desaparición da súa nai, unha prometedora científica obsesionada cos buratos de verme.
José Edelstein, investigador do IGFAE e profesor de Física Teórica na Universidade de Santiago de Compostela, conversará con Olga Osorio e Tamar Novas sobre como afrontar o proceso creativo nunha película con elementos científicos modernos á hora de dirixir e interpretar, respectivamente. Edelstein colaborou como asesor co equipo de ‘¡Salta!’ á hora de desenvolver algunha das fórmulas utilizadas na película e expoñer aspectos do espazo e metodoloxía do traballo dun físico, procurando incorporar elementos que confiran a maior credibilidade posible ás escenas nas que estes se amosan.
Sobre Olga Osorio e Tamar Novas
Olga Osorio é directora e guionista, xunto con Araceli Gonda, da película ¡Salta! (2033), Olga Osorio conta cunha ampla experiencia na industria cinematográfica. É catedrática de secundaria en Procesos e Medios de Comunicación, doutora en Humanidades e licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, e actualmente imparte clases de dirección e promoción e distribución cinematográficas na Escola de Imaxe e Son da Coruña. Entre 2003 e 2022 foi tamén profesora asociada na facultad de Comunicación Audiovisual. Antes de ¡Salta!, A súa primeira longametraxe, dirixiu varias curtas, entre as que destaca Einstein-Rosen.
Tamar Novas é actor desde moi novo. Os seus primeiros papeis foron no filme A lingua das bolboretas (1999) e Mar Adentro (2004), co que obtuvo o premio Goya ao mellor actor revelación. Estudou Comunicación Audiovisual na USC, ao tempo que avanzaba na súa formación como intérprete. Na súa carreira figuran filmes ás ordes de directores como Pedro Almodóvar (Los abrazos rotos, 2009) ou Isabel Coixet (Elisa y Marcela, 2019), ademais de series como Fariña (2018) ou El desorden que dejas (2020).
Unha ducia de encontros para tender pontes entre arte e ciencia
Organizado polo ArtLab do IGFAE, ‘Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia’ é un ciclo de diálogos virtuais emitidos en Youtube no que se invitan a figuras do ámbito cultural a explorar as interseccións entre a arte e a ciencia co noso persoal investigador, buscando un enfoque interdisciplinar. Nacido o 15 de maio de 2020 en plena pandemia con Rosa Montero, polo ciclo pasaron personaxes como Javier Ruibal, Alejandro Dolina, Anna R. Figueiredo ou Agustín Fernández Mallo, co obxectivo de tender pontes e fomentar a participación entre a sociedade e a comunidade investigadora a través de distintas expresións artísticas.
- Canle de Youtube do IGFAE: https://www.youtube.com/c/IGFAE
- Edicións anteriores de ‘Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia’: https://igfae.usc.es/labs/transfronteirizas