Unha ducia de docentes de centros de educación secundaria e bacharelato de Galicia participaron o sábado no obradoiro de construción de cámaras néboa organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), unha actividade onde se ensinaron os fundamentos e o funcionamento básico destes detectores de partículas. Cada profesor montou desde cero o seu propio dispositivo con materiais proporcionados polo instituto e que despois levaron ao seu centro para utilizarse como recurso educativo na aula e aprender en primeira persoa e en menor escala como funcionan detectores de partículas como os situados nos laboratorios do CERN.

Os raios cósmicos son partículas subatómicas de alta enerxía que bombardean constantemente a Terra desde o espazo exterior. Miles destas partículas atravesan o noso planeta e a nós mesmos cada segundo. Esta radiación natural é inofensiva e invisible aos nosos ollos, pero as pegadas que deixan as partículas -as trazas- poden verse utilizando unha cámara de néboa, un dos primeiros e máis sinxelos detectores de partículas subatómicas que se poden construír desde que foi inventada a principios do século XX.

Baseándose nun protipo de Pedro Agostini Infante, Adolfo Otero Fumega e Alejandro Vilar López, proposta gañadora do I Concurso de Comunicación Científica do IGFAE en 2018 na categoría “Experimentos”, o IGFAE diseñou en colaboración coa empresa MakerGal un detector de baixo custo e mantemento sinxelo, fácil de construír, manter e transportar polo profesorado. De forma complementaria, a técnica do IGFAE Cristina Cabo Landeira e o estudante de doutorado Daniel Regueira elaboraron os materiais didácticos usados no obradoiro, que impartiron xunto cos investigadores Javier Mas e Javier Martín, coordinador da actividade.

Posta en marcha de EduLab

Ademais de esgotar as prazas dispoñibles en apenas uns días desde que se anunciou a convocatoria, esta actividade supón, asimesmo, o lanzamendo do EduLab, un espazo de diálogo entre o IGFAE e a comunidade educativa. Os IGFAE-Labs deséñanse co obxectivo de maximizar o impacto da actividade científica do instituto na sociedade, comezando pola máis cercana. EduLab é o segundo destes espazos – despois do ArtLab, espazo de comunicación entre arte e ciencia – e trata de producir maneiras innovadoras, máis atractivas e estimulantes, de educar nos temas científicos relacionados coa Física, en especial aqueles máis cercanos á investigación que se leva a cabo no IGFAE. Este laboratorio de ideas potenciará proxectos colaborativos deseñados e desenvolvidos por investigadores do instituto e persoas ligadas a comunidade educativa que poidan servir de apoio na actividade docente e tamén espertar vocacións científicas entre as persoas máis novas.

Este proxecto foi cofinanciado con cargo ao Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.