Obradoiro: cámara de néboa

Seguindo co compromiso de divulgar a nosa actividade investigadora á sociedade, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), a través do seu laboratorio educativo EduLab, ofrece un obradoiro de construción de cámaras de néboa para profesorado de secundaria e bacharelato.

Os raios cósmicos son partículas subatómicas de alta enerxía que bombardean constantemente a Terra desde o espazo exterior. Miles destas partículas atravesan o noso planeta e a nós mesmos cada segundo. Esta radiación natural é inofensiva e invisible, pero as pegadas que deixan as partículas poden verse utilizando unha cámara de néboa. Inventada a principios do século XX, é un dos primeiros e máis sinxelos detectores de partículas subatómicas que se poden construír. Coa colaboración de MakerGal, o programa EduLab do IGFAE deseñou un prototipo a partir do cal construír estes detectores cun orzamento reducido e con materiais que non requiren dun mantemento nin manexo complexos.

Nesta actividade, impartiremos un obradoiro para profesorado de secundaria e bacharelato no que se ensinará o funcionamento básico destes dispositivos e o procedemento para montalos a partir dun kit de montaxe e de materiais proporcionado polo IGFAE. Unha vez finalizado o obradoiro, o detector entregarase aos centros educativos dos docentes con obxecto de que poida ser utilizado como recurso educativo.

Data: Sábado 9 de outubro de 2021.
Hora: 9:00 – 13:00 h aproximadamente.
Lugar: Aula C (IGFAE).

Se queres participar neste obradoiro inscríbete no formulario ata o venres 1 de outubro. As prazas son limitadas.

Este proxecto foi cofinanciado con cargo ao Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.