Unha ampla representación do persoal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) asistiu este martes 11 de febreiro ao acto de recoñecemento aos 10 centros de investigación que conforman a rede CIGUS, celebrado no Museo da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. O director do IGFAE, Carlos Salgado, recolleu de mans do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, a distinción que representa a pertenza a CIGUS, rede da que o IGFAE forma parte desde a primeira convocatoria, en 2019, e que acredita a calidade e impacto da investigación realizada no Instituto.

Na súa intervención, Carlos Salgado manifestou o seu agradecemento á Xunta de Galicia é á Universidade de Santiago de Compostela, así como ao persoal do centro. E incidiu na necesidade de alimentar o talento científico nos centros de investigación, achegando “as condicións necesarias para identificar, formar e cultivar este talento”, con “recursos para contratacións e infraestruturas, entre outras accións”. Neste punto, aludiu á rede CIGUS como “a base que permite que estas estruturas funcionen”, definíndoa como “un caso de éxito enorme, e un grande acerto da política científica da última década, que ten que ser potenciada e complementada con outras medidas tanto de atracción de talento ao máis alto nivel, como de infraestuturas, ademais de adaptar as normativas a un entorno da maxima competencia internacional”, concluíu.

Os centros de investigación que forman parte da Rede CIGUS son cinco pola Universidade de Santiago de Compostela, tres pola Universidade de Vigo e dous pola Universidade da Coruña. Na USC, ademais do IGFAE, foron recoñecidos o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), o Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) e o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS). Pola Universidade de Vigo, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (AtlanTTic), o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) e o Centro de Investigación Mariña (CIM). E pola Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA).

Representantes dos 10 centros da rede CIGUS, as universidades galegas e a Xunta. Foto: Xunta de Galicia.

Representantes dos 10 centros da rede CIGUS, as universidades galegas e a Xunta. Foto: Xunta de Galicia.

Impulso para o plan estratéxico dos vindeiros anos

A acreditación da rede CIGUS suporá para o IGFAE un financiamento de preto de tres millóns de euros ata o ano 2027, o que permitirá consolidar durante os vindeiros anos o plan estratéxico do Instituto. Para acadar este recoñecemento, o Instituto superou a avaliación dun comité externo, que valorou moi positivamente o traballo do IGFAE en aspectos como a gobernanza, a estrutura, a calidade científica e a transferencia de resultados á sociedade.

A distinción autonómica súmase, deste xeito, á acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, que outorga a Axencia Estatal de Investigación, acadada polo IGFAE en 2017 e 2024. Ata o momento, é o único centro de Galicia recoñecido con este prestixioso recoñecemento, que achegará 2,6 millóns de euros durante os vindeiros anos, impulsando unha nova etapa na transformación do Instituto. Desde o primeiro selo, outorgado en 2017, o IGFAE viviu unha profunda transformación que impulsou o crecemento do centro, tanto na súa organización como na estrutura e rendemento científico.

Ambos recoñecementos de excelencia viñeron tamén acompañados da construción da nova sede do IGFAE. Neste primeiro terzo de 2025 completarase o traslado do persoal ás dependencias situadas no edificio Monte da Condesa, coas que o Instituto aumentará nun 70% a súa superficie actual, incorporando novos laboratorios experimentais, espazos comúns de traballo e áreas destinadas ás actividades de divulgación.

Sobre o IGFAE

O IGFAE, centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, naceu en 1999 co obxectivo principal de coordinar e fomentar a investigación científica e técnica no campo da Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear, e áreas relacionadas. Un dos piares da súa sólida traxectoria aséntase na participación en infraestruturas internacionais como o CERN, GSI / FAIR, GANIL, o Observatorio Pierre Auger, LIGO, NEXT, DUNE ou HyperK. Está formado actualmente por un equipo dunhas 140 persoas, entre persoal científico, técnico e de xestión.