O IGFAE lamenta comunicar o falecemento de Arnau Brossa Gonzalo, investigador posdoutoral que traballaba no experimento LHCb do CERN. Arnau faleceu en Santiago de Compostela este domingo 21 de xullo de 2024, debido ás complicacións producidas por un accidente de escalada.
Arnau licenciouse en Física na Universitat de Barcelona (UB) en 2016, especializándose en física teórica. Posteriormente, realizou un mestrado en Astrofísica, Física de Partículas e Cosmoloxía na UB, cunha tese de máster sobre o experimento LHCb. Continuou cos seus estudos de doutoramento (2017-2022) en Física de Partículas na Universidade de Warwick (Reino Unido) baixo a supervisión do Prof. Tim Gershon e o Dr. Thomas Latham. O seu traballo gañou o Premio Springer Thesis pola súa sobresaliente investigación.
Despois de defender a súa tese na Universidade de Warwick, Arnau uniuse ao equipo de LHCb no IGFAE en 2022, para seguir traballando no experimento LHCb, primeiro como investigador posdoutoral e máis tarde como investigador Juan de la Cierva. Pasou a integrar o grupo de Lepton Flavour Universality do IGFAE, asumindo un papel de liderado.
O IGFAE transmite o seu pesar e condolencias á súa nai, Mercè, o seu irmán David, o seu tío e a súa tía. As súas moitas amizades no Instituto e no experimento LHCb botarán moito en falta a súa calidez, amabilidade, dedicación, intelixencia e capacidade.