O investigador posdoutoral do IGFAE Lin Chen acadou unha axuda da convocatoria europea Marie Skłodowska Curie Postdoctoral Fellowship Actions (MSCA-PF), para desenvolver a súa liña de investigación durante os vindeiros anos no centro.

Grazas a este financiamento, Lin porá en marcha o proxecto ‘Probing nuclear parton dynamics in Heavy-Ion Collisions with Hard Probes (HIC-HP)’, co que afondará nas interaccións entre os feixes de partículas e o medio en colisións de ións pesados e as súas implicacións para as propiedades do plasma de quarks e gluóns, un estado da materia que se creou pouco despois do Big Bang.

Nesta liña de traballo, Lin espera contribuír a un mellor entendemento da interacción forte e das propiedades do plasma de quarks e gluóns, colaborando coa comunidade científica de física de altas enerxías para afondar no coñecemento das forzas fundamentais.

Lin Chen uniuse ao IGFAE no ano 2023, no marco do proxecto YoctoLHC, liderado polo profesor Carlos Salgado, e financiado pola convocatoria Advanced Grant do European Research Council (ERC). Anteriormente, Lin fixo o seu doutoramento na Central China Normal University (Wuhan) e logo realizou unha estadía posdoutoral na Universidade Chinesa de Hong Kong (Shenzhen).

O proxecto de Lin Chen é un dos cinco acadados por persoal investigador da Universidade de Santiago de Compostela, xunto ás tres obtidas polo CiQUS, e outra polo CRETUS. Das 61 institucións españolas que conseguiron algunha destas axudas, a USC sitúase na sexta posición do Estado xunto coas Universidades Complutense de Madrid, Navarra e Politécnica de Valencia, cunha taxa de éxito do 20,8%, superior á que se agardaba como media a nivel europeo.