Yassid Ayyad, investigador Ramón y Cajal no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, foi premiado polo Facility for Rare Isotope Beams (FRIB) dos Estados Unidos. Este laboratorio experimental, situado na Michigan State University, é unha das instalacións de referencia mundial en física nuclear.
O investigador do IGFAE foi un dos dous seleccionados no programa Visiting Scholar for Experimental Science, que ten como obxectivo animar e axudar ao persoal científico novo a desenvolver un programa de investigación neste laboratorio. Para iso, o premio financia estadías nas súas dependencias a persoas de recoñecida traxectoria, cuxas liñas de traballo teñen un impacto potencial no programa científico do FRIB.
Diante deste recoñecemento, Yassid destaca que “o FRIB ofrece unha contorna ideal e única para desenvolver e facer realidade ideas que inicialmente poden parecer complexas”. Yassid Ayyad é doutor en física nuclear pola Universidade de Santiago de Compostela, e antes de incorporarse ao IGFAE, foi físico de sistemas detectores no FRIB.
Estudo da estrutura de núcleos exóticos
Durante os próximos meses, o científico avanzará na súa liña de investigación sobre a estrutura de núcleos exóticos, utilizando o espectrómetro SOLARIS (SOLenoid Apparatus for ReactIon Studies). Ayyad ten previsto desenvolver un branco activo para gases raros como o tritio ou o helio-3, e traballar nunha cámara óptica de proxección temporal de brancos activos (AT-TPC) en colaboración co FRIB.
“A tecnoloxía que desenvolvemos para investigar a natureza da materia nuclear ten moitas aplicacións sociais en diversos campos”, destaca. “Por exemplo, os nosos coñecementos actuais sobre como interactúan e se reorganizan os protóns e neutróns poden ter un forte impacto nas comunicacións cuánticas, un campo que está a vivir a súa segunda revolución”.
“O FRIB desempeñará un papel fundamental ao proporcionar os núcleos máis exóticos que podemos producir nun laboratorio”, afirma Ayyad. “Un dos principais obxectivos é reforzar as capacidades de SOLARIS para levar a cabo experimentos que só poden realizarse no FRIB grazas á colaboración co laboratorio detector do FRIB, que achega coñecementos e ferramentas esenciais”.
Comprender o núcleo atómico para contribuír á sociedade
Segundo explica o investigador do IGFAE, un dos obxectivos primordiais da física nuclear moderna é comprender as intrincadas interaccións entre neutróns e protóns en condicións extremas e ao límite da estabilidade”. Nestas situacións, un exceso de protóns ou neutróns dá lugar á aparición de fenómenos notables non habituais na materia nuclear estable.
O FRIB desempeña un papel fundamental para o estudo destas condicións extremas, xa que as súas instalacións permiten xerar os núcleos máis exóticos que se poden xerar nun laboratorio. Entre eles, algúns produciranse con moi baixa intensidade, un dominio no que destaca SOLARIS, no que traballará Yassid Ayyad: “A capacidade de levar a cabo experimentos eficientes coas especies máis exóticas serve como porta de entrada directa a fenómenos apaixonantes e inobservados dentro de núcleos altamente desequilibrados”, engade.
O estudo da materia nestas condicións ofrece un gran rango de aplicacións sociais, en ámbitos tan diversos como a medicina, a industria ou as telecomunicacións. No caso da investigación desenvolvida por Yassid Ayyad e os seus colaboradores no IGFAE, os detectores usados nos seus experimentos impulsaron o nacemento de Neutron Insights, unha spin-off do Instituto que prestará servizos de radiografía con neutróns para aplicacións industriais.