Convidado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) con motivo da defensa da tese do investigador predoctoral do IGFAE Marco Romero Lamas, Tatsuya Nakada mantivo esta mañá varios encontros con antigos colaboradores, entre eles os investigadores do IGFAE Bernardo Adeva, Diego Martínez e a investigadora da UDC Veronika Chobanova. Durante a mañá tamén se reuniu co reitor da USC, Antonio López, e o vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri, para asinar o Libro de Honra da USC.
Tatsuya Nakada, profesor na U. Lausanne, (Suíza), é un dos maiores expertos en experimentos de física de partículas do mundo desde que nos anos 70 chegase ao CERN para realizar a súa tese doutoral e participar na construción do primeiro colisionador protón-protón, o ISR, que preparou o camiño para construír aceleradores posteriores como o LHC. Dirixiu o experimento LHCb do CERN, un dos experimentos principais do LHC desde a súa primeira proposta en 1995 ata o final da súa construción en 2008, sendo considerado o “pai” desta gran colaboración internacional que hoxe consta de máis de 1000 físicos e físicas. Xogou ademais un papel importante en promover a participación da USC no LHCb desde o inicio da proposta, cando comezou a colaborar con Adeva. Na consecución do experimento o IGFAE-USC tivo unha participación importante construíndo o Silicon Tracker, un detector de silicio para reconstruír as traxectorias das partículas.
Despois de dirixir o LHCb durante case 15 anos, presidiu o Comité Europeo de Aceleradores do Futuro, que establece os obxectivos e prioridades para desenvolver os aceleradores de partículas en Europa durante os próximos 50 anos, e na actualidade dirixe ao equipo internacional para o estudo do International Linear Collider (ILC), proposto polo goberno de Xapón, que é un dos aceleradores que se barallan para o futuro, xunto coa proposta do propio CERN.
Unha tese que pon a proba o Modelo Estándar
A tese doutoral presentada hoxe e na que Nakada foi presidente do tribunal consiste nunhas medidas de enorme precisión do ángulo de oscilación materia-antimateria do mesón pesado B, realizadas polo investigador predoctoral Marcos Romero Lamas baixo a dirección de Veronika Chobanova e Diego Martínez. Estas medidas constitúen un dos obxectivos principais do experimento LHCb no seu conxunto e son as máis precisas do mundo ata a data, poñendo a proba a validez do Modelo Estándar da física de partículas. Os resultados serán publicados en breve pola colaboración LHCb.
Imaxe principal: de esquerda a dereita, Tatsuya Nakada, Antonio López (reitor da USC), Diego Martínez (investigador do IGFAE), Vicente Pérez Muñuzuri (vicerreitor de Política Científica), e Veronika Chobanova e Bernardo Adeva, (investigadores do IGFAE). Crédito: Santi Alvite (USC).