Ata o 31 de marzo está aberto o prazo para apoiar dous proxectos educativos do IGFAE na plataforma de micromecenado da USC “Sumo valor”
Enviar un globo á estratosfera cun detector de raios cósmicos e realizar un mapa da radiación natural recibida por estudantes de secundaria en Galicia son os dous proxectos do IGFAE que poden facerse realidade grazas a doazóns da cidadanía. Estas e outras actividades forman parte de “Sumo valor”, o novo programa piloto de micromecenado impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela, que nace coa idea de implicar a toda a sociedade, empresas e institucións nos proxectos e servizos que ofrece a USC en investigación, cultura ou deportes, así como transferir o coñecemento xerado froito da súa actividade.
O primeiro proxecto proposto polo IGFAE, “Detección de raios cósmicos cun detector instalado nun globo estratosférico”, será coordinado polo investigador Cibrán Santamarina e contará coa colaboración da NOSA, a Axencia Espacial Escolar Galega. Este proxecto educativo, formado por seis centros públicos de secundaria desde o curso 2014/2015, envía anualmente unha cápsula estratosférica que realiza un voo suborbital. A idea consiste en instalar na devandita cápsula o detector de partículas para o seu lanzamento durante este ano e distinguir os raios cósmicos primarios (protóns), que non chegan a superficie terrestre, da fervenza de partículas secundaria (muóns), que si a alcanzan.
Con DRAMIES (Dose de radiación ambiental en IES), o segundo proxecto do IGFAE seleccionado en “Sumo valor”, preténdese realizar un mapa da radiación natural, externa e individual, que recibe o alumnado de secundaria en Galicia. Coordinado pola investigadora Dolores Cortina, convidarase ao IGFAE a diferentes centros de Galicia onde se lles informará sobre o instituto, que é a radioactividade natural e como se desenvolverá o proxecto. Despois, entregaranse dosímetros que o alumnado levará durante dúas semanas para que o propio estudante poida analizar os datos da dose total á que estivo exposto. Con estas medidas, acompañadas dun rexistro da actividade realizada polos participantes, pode realizarse unha análise estatística detallada da dose recibida por persoa, discriminando de forma sinxela, por exemplo, a dose que están a recibir nas súas aulas, na súa casa, etc.
Ambos proxectos enmárcanse en EduLab, un novo programa co que o IGFAE pretende que os axentes do sistema educativo, persoal investigador do centro e outras partes interesadas, analicen maneiras innovadoras de introducir en todos os niveis do ámbito educativo técnicas, contidos e estruturas de análises propias das ciencias experimentais, en concreto da Física e, máis en particular, nos temas recolleitos na axenda científica do instituto.
Como contribuír
Ata o 31 de marzo as persoas físicas ou xurídicas interesadas en facer unha microdoazón de bens (tanxibles ou intanxibles), ou no seu caso de dereitos, dispoñen dun formulario online que deberán cumprimentar para valorar a súa aceptación.