Os colisores actuais non puideron atopar física máis aló do Modelo Estándar (BSM, polas súas siglas en inglés), pero esta debe existir para explicar algunhas cuestións que aínda non comprendemos como a orixe da masa, a asimetría entre a materia e antimateria ou a materia e enerxía escura. Non descubrila podería deberse a tres razoes: simplemente, non é posible producir física BSM en colisores; esta atópase na fronteira enerxética e só pódese descubrir construíndo aceleradores máis potentes; ou está ao noso alcance, pero prodúcese en modo stealth, é dicir, con pouca frecuencia e / ou con fondos significativos. No LHCb, ocultos entre os millóns de colisións de protóns que se producen cada segundo, podería atoparse física BSM, sobre todo se se manifesta en forma de novas partículas raras e lixeiras.
A pesar de que a física stealth é moi recente, o liderado do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) nesta área dentro do LHCb motivou a organización do workshop “STEALTH physics at LHCb: unleashing the full power of LHCb to probe new physics”, que terá lugar do 17 ao 19 de febreiro no Centro de Estudos Avanzados da USC. O obxectivo do mesmo será fomentar a discusión e promover o estudo da física stealth, tanto desde un punto de vista teórico como experimental.