A sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, acolleu nos días 21 e 22 de outubro a reunión do seu Comité Científico Asesor (Scientific Advisory Board-SAB). Este grupo, composto por referentes científicos internacionais, avalía desde hai anos o labor científico do IGFAE e o plan estratéxico trazado durante os vindeiros anos.
O encontro iniciouse na mañá do luns co informe do director do IGFAE, Carlos Salgado, onde repasou os principais logros científicos do Instituto nos últimos anos, así como os retos de futuro, marcados pola apertura da nova sede do centro e a dobre acreditación de excelencia acadada polo centro (María de Maeztu e Rede de centros de investigación de Galicia). A continuación, representantes de tres dos oito programas de investigación (LHCb, Cromodinámica Cuántica e Teoría de Cordas), presentaron os seus respectivos informes de traballo. O SAB puido coñecer tamén as novas instalacións do IGFAE, cuxas obras se prevén rematar a finais de 2024. Nesta primeira parte da visita, discutíronse tamén as novas oportunidades en Ciencia e Tecnoloxía Cuánticas que o instituto podería aproveitar.
Despois da pausa para o xantar, o SAB reuniuse co persoal júnior, estudantes de doutoramento e posdocs, debatendo sobre o ambiente de traballo e as perspectivas científicas e de formación destas etapas iniciais da carreira investigadora. A parte final da primeira xornada estivo dedicada a analizar a presenza do IGFAE na Estratexia Europea de Física de Partículas, así como pola avaliación do persoal investigador a nivel individual, e concluíu cunha reunión coa dirección do Instituto.
Na xornada do martes tivo lugar o encontro do SAB coa Xunta de Goberno do IGFAE, o principal órgano de decisión na estrutura do centro. Asistiron o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, a vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo, e o profesor emérito Máximo Plo Casasús, ademais do director do IGFAE, Carlos Salgado, e o director adxunto, Abraham Gallas.
O papel do SAB no desenvolvemento do IGFAE
A visita finalizou cunha reunión pechada do SAB, da que sairán as pautas marcadas para reforzar a estratexia do centro cara aos vindeiros anos. Os informes deste comité son esenciais no modelo de funcionamento no IGFAE: a través destas avaliacións externas, analízase o nivel de cumprimento dos principais obxectivos científicos e os programas de investigación, para marcar o camiño a seguir.
Por parte do SAB, estiveron presentes na reunión Paolo Giubellino (presidente da Commisione Scientifica Nazionale III do Instituto Nazionale di Fisica Nucleare, Italia), Francis Halzen (iniciador das colaboracións científicas IceCube e AMANDA, no Polo sur) e Giulia Zanderighi (directora xeral do Instituto de Física Max Planck, en Múnic-Alemaña).