A USC conta dende esta semana cunha nova empresa de base tecnolóxica. A spin-off Neutron Insights, nacida ao abeiro da investigación desenvolvida no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), acaba de constituírse no marco da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC. O proxecto, promovido dende o IGFAE polos investigadores Yassid Ayyad e Pablo Cabanelas, consiste no desenvolvemento dun sistema de tomografía industrial por emisión de neutróns. Esta tecnoloxía mellora as prestacións das habituais radiografías con raios X, ao aumentar a precisión das imaxes e ampliar as posibilidades de análise nas mostraxes. Tal e como resumen Ayyad e Cabanelas, esta innovación permite “ver o que os raios X non poden ver”.
Os defectos de fabricación non detectados supoñen, todos os anos, perdas multimillonarias na industria e na construción de infraestruturas en todo o mundo. Nestes procesos é habitual a revisión dos materiais a través de técnicas de radiografía, principalmente raios X, para anticiparse a futuros problemas. Porén, son sistemas con limitacións, xa que non poden penetrar en elementos pesados (aceiro, ferro, chumbo, ou formigón, por exemplo) e non permiten diferenciar os elementos químicos ou substancias presentes na estrutura analizada. Fronte a isto, a tomografía por emisión de neutróns supera estes obstáculos.
Segundo salientan os promotores de Neutron Insights, o desenvolvemento desta tecnoloxía foi posible grazas á longa traxectoria do IGFAE no deseño e construción de detectores de radiación ionizante. A partir desta experiencia acumulada foi posible idear un sistema axeitado para a detección de neutróns, que permite identificar as diferentes partículas, reconstruír o seu percorrido e discriminar a enerxía emitida. Por estes motivos, a tomografía por emisión de neutróns está especialmente indicada para materiais densos, como metais (de gran relevancia para a industria 4.0), e permite caracterizar a composición química da mostraxe que se analiza.
Debido a esta innovación, os clientes poderán descubrir, tanto no laboratorio como in situ, defectos de fabricación e detalles en tubaxes, soldaduras, fuselaxes de aeronaves ou pas de aeroxeradores, que non son quen de atopar con outros ensaios ou técnicas non invasivas. Alén disto, os efectos característicos da dispersión e perda de enerxía dos neutróns engaden valor á aplicación desta tecnoloxía: é posible obter imaxes sen que o detector estea aliñado co feixe que incide nel, como acontece cos raios X.
Na súa traxectoria, o equipo de Neutron Insights xa recibiu diversos recoñecementos polo carácter innovador da idea e as súas perspectivas de aplicación ao mercado. En 2022, o proxecto (nun principio bautizado como REMA), foi premiado no programa de emprendemento Argos da USC. Actualmente, é unha das iniciativas finalistas na aceleradora de empresas ViaGalicia, que promoven o Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia.
A constitución de Neutron Insights supón un novo fito que contribuirá a achegar á sociedade as innovacións científicas xurdidas nos laboratorios do IGFAE. Nisto xoga un papel clave a Unidade de Transferencia de Coñecemento e Tecnoloxía deste centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, que pon ao dispor do persoal investigador os recursos precisos para conectar a ciencia que se desenvolve no centro coa industria, identificando potenciais resultados de investigación transferibles á sociedade.
Despois da acta de constitución da empresa, á que asistiu o reitor Antonio López, celebrouse unha reunión no IGFAE co gallo do nacemento do proxecto. Ademais dos promotores de Neutron Insights, participaron no encontro Luís Otero, delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento, Diego Suárez Pousa, da AVTE, e Carlos Salgado, director do IGFAE.