A investigadora galega María Vieites Díaz (Ribadeo, 1991), foi designada no mes de xuño como coordinadora adxunta de física no experimento LHCb da Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN). O cargo é un dos máis relevantes nesta colaboración, da que forman parte máis de 1.700 persoas, entre científicas e técnicas, pertencentes a máis dun cento de institucións de 22 países de todo o mundo, entre os que se encontra o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia.
A designación de María foi anunciada polo coordinador de física de LHCb, o Prof. Fred Blanc, da École Polytechnique Fédérale de Lausanne (EPFL). Desde o vindeiro 1 de agosto, e durante dous anos, o coordinador e a súa adxunta traballarán da man para organizar as actividades do experimento vinculadas á física. Neste cargo, a científica galega xogará un papel clave para guiar a axenda científica desta colaboración.
O experimento LHCb (as siglas de Large Hadron Collider beauty), foi deseñado principalmente para realizar medicións relacionadas co estudo da violación da simetría CP. Este é un feito esencial para comprender as asimetrías entre materia e antimateria, e explicar por que no noso universo prevalece a primeira sobre a segunda.
Entre as súas responsabilidades estará a supervisión da análise dos datos, garantir a calidade científica dos resultados e coordinar a comunicación entre todos os equipos internacionais que participan na colaboración.
Sobre o seu nomeamento, destaca que “ter sido escollida para este cargo supón unha gran honra para min e síntome moi ilusionada e con moita enerxía para afrontar os próximos dous anos con esta nova perspectiva en LHCb”.
Incorporación ao IGFAE en setembro de 2024
A designación de María Vieites en LHCb chega a piques de producirse a súa incorporación ao IGFAE, en setembro de 2024, como investigadora do programa Ramón y Cajal, financiado pola Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
No IGFAE, María integrarase no programa de investigación de LHCb, onde se centrará na análise dos datos producidos durante o ‘Run3’ (o novo período de toma de datos) e o funcionamento deste experimento do CERN. Tamén contribuirá ao desenvolvemento das futuras melloras tecnolóxicas do detector LHCb, así como á actualización dalgunhas das medidas das anteriores fases do experimento (Run 1 e 2) que demostraron ser potentes probas da consistencia do Modelo Estándar.
María Vieites estudou Física na Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou en 2019. Especializouse no estudo das diferencias de comportamento entre a materia e a antimateria mediante a análise de amplitudes en decaementos de mesóns B no experimento LHCb do CERN. Posteriormente incorporouse á École Polytechnique Fédérale de Lausanne (EPFL), en Suíza, como investigadora posdoutoral no grupo local da colaboración LHCb, contribuíndo á análise das desintegracións radioactivas de mesóns B. Actualmente, María é persoal investigador (Research Fellow) no CERN.