O director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), Carlos Salgado, recolleu este xoves a acreditación de excelencia María de Maeztu, que outorga a Axencia Estatal de Investigación. O selo reafirma o labor científico deste centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, creado en 1999, que ata o momento é o único galego en acadar esta distinción.

Con este recoñecemento, froito dunha rigorosa avaliación, o IGFAE ve consolidada a súa proxección global no campo da física de partículas, astropartículas e nuclear, tanto na vertente teórica como experimental. O seu persoal conta cunha longa bagaxe, asumindo importantes responsabilidades, nalgunhas das máis grandes instalacións científicas do mundo, como a Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN), o observatorio de raios cósmicos Pierre Auger, a rede LIGO de ondas gravitacionais, as instalacións de física nuclear GSI-FAIR ou GANIL, e os experimentos de neutrinos NEXT e DUNE.

Nun acto celebrado no CaixaForum de Madrid, Carlos Salgado recibiu a acreditación de mans da ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant, e o secretario de Estado do Ministerio, Juan Cruz Cigudosa. Tamén acudiron á cerimonia de entrega o director adxunto do IGFAE, Abraham Gallas, e o xerente da USC, Javier Ferreira.

O selo María de Maeztu, que supón un financiamento de 2,6 millóns de euros, permitirá desenvolver o plan estratéxico do IGFAE para os vindeiros anos, con acento na maior implicación en experimentos internacionais, a formación de persoal investigador, a captación de talento e a redución da fenda de xénero.

“A primeira acreditación supuxo unha profunda transformación para o IGFAE: practicamente duplicamos o noso cadro de persoal, abrimos novas liñas de investigación e sentamos as bases dunha estrutura que agora queremos consolidar”, resume Carlos Salgado.

2024, un ano clave para o IGFAE

Esta distinción de excelencia chega nun 2024 cheo de fitos para o futuro do Instituto. En maio, o IGFAE renovou tamén a súa presenza na Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia, o que suporá un financiamento de arredor de máis de tres millóns ata o ano 2027. Este dobre recoñecemento autonómico e estatal permitirá o financiamento de numerosos contratos de doutoramento e asegurará a continuidade das liñas estratéxicas de investigación do centro, coa adquisición de equipamento e infraestruturas esenciais para reafirmar o posicionamento internacional do IGFAE.

Nos últimos meses deste 2024 está prevista a finalización das obras da nova sede, financiada pola Xunta de Galicia, cun investimento de preto de cinco millóns de euros. Actualmente, o persoal do Instituto xa traballa na área da ampliación. Unha vez acabadas as obras, o centro ampliará un 70% a súa superficie previa. Coa nova sede a pleno rendemento, o Instituto contará con novos e máis grandes laboratorios experimentais, espazos comúns de traballo e áreas abertas ao público, destinadas ás actividades de divulgación.

Neste marco, o IGFAE está a conmemorar o seu 25º aniversario cunha amplo programa de actividades abertas ao público. Con elas preténdese achegar á sociedade o labor científico que desenvolve o centro, fomentando a reflexión sobre o impacto social e cultural das súas investigacións a través de exposicións, concertos, eventos de divulgación e diversas iniciativas dirixidas á comunidade educativa. “Queremos ser un centro moito máis internacional, moito máis aberto, e que a sociedade nos poida ver desde diferentes puntos de vista”, apunta o director do centro.

Sobre a alianza SOMMa

A alianza de centros Severo Ochoa e unidades María de Maeztu (SOMMa) está composta por algo máis de 60 centros, nos que se desenvolve ciencia de vangarda en todas as ramas do coñecemento. A concesión deste selo de excelencia acádase despois dunha avaliación independente por parte dun comité internacional de gran prestixio científico.

Este recoñecemento da Axencia Estatal de Investigación ten unha vixencia de seis anos, e resulta fundamental para o labor destes centros. A pertenza a SOMMa ofrece as condicións axeitadas para atraer e formar talento científico e promover unha investigación punteira, baixo os principios da excelencia, a integridade, a avaliación externa, competitividade e colaboración internacional.