O IGFAE abrirá o vindeiro venres 21 de xuño na Igrexa da Universidade a exposición Instrumentos de Visión, do artista Armin Linke. O proxecto é froito da colaboración do IGFAE con Arts at CERN, o programa de arte da Organización Europea para a Investigación Nuclear, co gallo do 25º aniversario do IGFAE e os 70 anos da fundación do CERN. A mostra está comisariada por Mónica Bello (Santiago de Compostela, 1973), directora desde 2015 de Arts at CERN, e permanecerá aberta ata o 28 de agosto.
Instrumentos de Visión compila máis de 20 anos de traballo do artista Armin Linke, a partir da observación das investigacións realizadas en grandes infraestruturas experimentais como o CERN, o Laboratori Nazionali di Gran Sasso (L’Aquila, Italia), ou o Institute for Quantum Optics and Quantum Information (IQOQI), de Innsbruck (Austria). Ademais, para esta ocasión, Armin Linke realizou unha serie de obras nas que se recolle o labor científico do persoal do IGFAE, presente nalgunha das máis importantes colaboracións científicas internacionais, como o experimento LHCb do CERN.
Aparellos para observar os compoñentes fundamentais da materia
A exposición reflexiona sobre como, nas últimas décadas, a combinación de grandes avances técnicos e achados científicos “revolucionaron a nosa percepción do espazo, o tempo e a materia”, segundo destaca a comisaria Mónica Bello. Grazas a estes progresos, a comunidade científica desenvolveu complexísimos instrumentos que permiten desvelar o funcionamento dos elementos máis fundamentais da materia.
No singular marco da Igrexa da Universidade, a proposta de Linke convida ao público, a través de 16 obras, a achegarse a estes espazos de investigación, captando a dinámica dos laboratorios de física de partículas. Deste xeito, Instrumentos de Visión reflexiona tamén sobre o modo no que a ciencia non é un esforzo solitario. Ao contrario, vese como un empeño colectivo no que interveñen actores humanos e contornas socialmente entrelazadas, comprendidas polo persoal investigador, os instrumentos, os artefactos e os materiais de laboratorio”, salienta Mónica Bello.
Este proxecto enmárcase na aposta realizada nos últimos anos polo ArtLab do IGFAE, co obxectivo de abrir novos espazos de conexión coa sociedade, e na liña de fomentar unha investigación e innovación responsables. Así, Instrumentos de Visión contribúe tamén ao diálogo entre a arte contemporánea e as liñas de investigación do IGFAE.
Inauguración e actividades paralelas
A exposición estará aberta desde o venres 21 de xuño na Igrexa da Universidade. O día seguinte, sábado 22, ás 12.00 horas, terá lugar a conversa A ciencia e a condición contemporánea, na que participarán Armin Linke, Mónica Bello e Carlos Salgado. Ademais, durante o período de apertura da exposición organizaranse visitas guiadas abertas ao público xeral.