A exposición Instrumentos de Visión, do artista Armin Linke, finaliza este sábado 21 de setembro a súa estadía na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, despois de superar as 40.000 visitas desde a súa apertura, o pasado 21 de xuño. No serán do venres 20, ás 20.00 horas, e como colofón á mostra, terá lugar na propia igrexa a conversa Lóxicas científicas e creatividades artísticas. Referencias e interaccións, na que se abordará a influencia das achegas da física de partículas á sociedade no relativo ás narrativas contemporáneas.
Neste encontro tomarán a palabra o director do IGFAE, Carlos Salgado, o escritor e crítico literario Mario Regueira, a psiquiatra Iria Veiga e a coordinadora da exposición, Natalia Poncela, que conducirá a conversa. Esta actividade está realizada en colaboración coa Asociación Galega da Crítica. A entrada será libre. Antes, o xoves 19, ás 19.00 horas, terá lugar a última das visitas guiadas á exposición. É preciso rexistro previo, que pode facerse a través da páxina web da exposición instrumentosdevision.igfae.usc.es. Esta actividade realízase co apoio de Horta Coslada.
Instrumentos de Visión compila máis de 20 anos de traballo do fotógrafo e cineasta Armin Linke (Milán, 1966), a partir da observación das investigacións realizadas en grandes infraestruturas experimentais como o CERN, o Laboratori Nazionali di Gran Sasso (L’Aquila, Italia), ou o Institute for Quantum Optics and Quantum Information (IQOQI), de Innsbruck (Austria). Para esta ocasión, Armin Linke realizou unha serie de obras nas que se recolle o labor científico do persoal do IGFAE, presente nalgunha das máis importantes colaboracións científicas internacionais en física de partículas, como o experimento LHCb do CERN.
Este proxecto está comisariado por Mónica Bello (Santiago de Compostela, 1973), directora de Arts at CERN, o programa de arte desta organización científica, e conmemora a dobre efeméride do 25º aniversario do IGFAE e os 70 anos da fundación do CERN, a Organización Europea para a Investigación Nuclear. Enmárcase, ademais, na aposta realizada nos últimos anos polo ArtLab do IGFAE, co obxectivo de abrir novos espazos de conexión coa sociedade, contribuíndo ao diálogo entre a arte contemporánea e as diversas liñas de investigación do IGFAE.
Participantes na conversa
Carlos A. Salgado (Monforte de Lemos, 1971) é físico teórico, profesor titular na Universidade de Santiago de Compostela e director do IGFAE. Anteriormente foi tamén vicerrector de Internacionalización da mesma universidade. O seu campo de investigación é o estudo da Cromodinámica Cuántica (QCD) en condicións de altas densidades ou temperaturas, así como as distribucións partónicas nucleares. Salgado acadou dous proxectos do European Research Council: Hot and dense QCD in the LHC era (Starting Grant) e Yoctosecond imaging of QCD collectivity using jet observables (Advanced Grant).
Mario Regueira (Ferrol, 1979). Licenciado en Filoloxía Galega e Doutor en Teoría de la Literatura e Literatura Comparada, área na que tamén exerceu como profesor na USC. A súa tese de doutoramento foi publicada no ano 2020 baixo o título Narrativa e imaxinario nacional: A reconstrución do campo literario na posguerra (1936-1966). As súas liñas de investigación céntranse na literatura galega de posguerra, a poesía galega contemporánea e a ficción científica. Tamén ten realizado incursións no ámbito da teoría queer e a representación das realidades sexo-afectivas non hexemónicas en relación a varios destes ámbitos. Debutou como autor literario en lingua galega co libro de relatos Rebelión no inverno (2004) e foi premiado varias veces no ámbito da narrativa e da poesía. O seu último libro é a reedición da novela Outono aquí (2022, Premio Lueiro Rei de Novela, 2012). Ao mesmo tempo, ten colaborado no ámbito da opinión, da crítica xornalística e da divulgación con multitude de medios galegos.
Iria Veiga (Ferrol, 1981). Médica psiquiatra e divulgadora científica. Máster en Neurociencias pola USC e Máster en Psicoterapia Cognitivo-Conductual. Traballa con persoas con trastorno mental grave no Hospital Psiquiátrico de Conxo e colabora cunha columna de opinión sobre ciencia en Nós Diario. Participante en diversas iniciativas relacionadas coa lingua e a divulgación científica e tamén en actividades de divulgación sobre saúde mental en centros de ensino. Colaboradora nos volumes colectivos sobre sexualidades fóra da heteronorma Nós xs inadaptadxs e sobre non monogamias O cento voando.