O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acollerá este sábado 22 de xuño, ás 12.00 do mediodía, a conversa A ciencia e a condición contemporánea. Esta actividade enmárcase na exposición Instrumentos de Visión, aberta entre o 21 de xuño e o 28 de agosto na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela.
Neste encontro, aberto ao público xeral participarán o artista Armin Linke, a comisaria da exposición e directora de Arts at CERN, Mónica Bello, e o director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), Carlos Salgado, que tamén dirixiu este proxecto de colaboración entre o IGFAE e Arts at CERN, o programa de arte da Organización Europea para a Investigación Nuclear.
A conversa abordará, desde as diversas perspectivas dos participantes, as dinámicas e a cultura dos laboratorios de física de partículas, que se amosan en Instrumentos de Visión. A partir das súas experiencias, Armin Linke compartirá o diverso abano de estratexias empregadas neste proxecto e noutros anteriores, como Image Capital, unha recente exposición realizada en colaboración entre a Fondazione MAST, o Museo Folkwang e o Centro Pompidou. Así, o artista achegará ideas sobre como a arte se relaciona coas complexidades das condicións contemporáneas, especialmente no tocante ás comunidades de investigación e as contornas científicas.
A perspectiva artística de Linke (Milán, 1966) complementarase co papel de Mónica Bello (Santiago de Compostela, 1973), que desde 2015 dirixe o programa Arts at CERN, impulsando as iniciativas artísticas do que é o maior laboratorio de física de partículas do mundo. E completarase coa presenza do director do IGFAE, Carlos Salgado (Monforte de Lemos, 1971), físico teórico especializado no estudo da cromodinámica cuántica, e que desenvolveu no CERN parte da súa carreira científica.
Sobre Instrumentos de Visión
O IGFAE e o CERN únense en ‘Instrumentos de Visión’, unha exposición do artista Armin Linke
Instrumentos de Visión compila máis de 20 anos de traballo do artista Armin Linke, na observación das investigacións realizadas en grandes infraestruturas experimentais como o CERN, o Laboratori Nazionali di Gran Sasso (L’Aquila, Italia), ou o Institute for Quantum Optics and Quantum Information (IQOQI), de Innsbruck (Austria).
Ademais, para esta ocasión, Armin Linke realizou unha serie de obras nas que se recolle o labor científico do persoal do IGFAE, presente nalgunha das máis importantes colaboracións científicas internacionais en física de partículas, como o experimento LHCb do CERN. O proxecto conmemora, neste 2024, o 25º aniversario da creación do IGFAE e os 70 anos da fundación do CERN.
Sobre o IGFAE
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) é un centro de investigación creado en 1999 pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia. Naceu co obxectivo de coordinar e fomentar a investigación científica e técnica nos campos da Física de Alta Enerxía, Partículas e Nuclear, e áreas relacionadas como a Astrofísica, a Física Médica ou a Instrumentación. Desde os seus inicios, o persoal do IGFAE participou nalgunhas das maiores instalacións experimentais do mundo, como o Gran Colisionador de Hadróns (LHC) do CERN.
O traballo científico do IGFAE e a súa proxección internacional fíxoo merecedor, en dúas ocasións, do recoñecemento como Unidade de Excelencia María de Maeztu, que outorga a Axencia Estatal de Investigación. É, ata o momento, o único centro galego que obtivo este prestixioso selo. O IGFAE conta tamén coa acreditación de excelencia da Rede Galega de Centros de Investigación, concedida pola Xunta de Galicia.
Desde hai anos, a través dos IGFAE Labs, o Instituto abriu novos espazos de conexión coa sociedade, co obxectivo de potenciar unha investigación e innovación responsable (RRI). Neste contexto, o programa ArtLab, no que se enmarca Instrumentos de Visión, contribúe ao diálogo entre diversas disciplinas artísticas contemporáneas e a física de partículas.