O director do IGFAE, Carlos Salgado, formou parte este venres da visita dunha delegación de centros de investigación e empresas galegas ás instalacións do CERN, a Organización Europea para a Investigación Nuclear. Na comitiva, encabezada polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, e o reitor da USC, Antonio López, tamén estiveron presentes o director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Lois Orosa, e a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo.
Desde a perspectiva empresarial, conformaron a delegación os representantes de empresas galegas que prestan servizos ao CERN desde os seus respectivos ámbitos de traballo: Plexus Tech, con sede en Compostela e representada polo seu CEO, Antonio Agrasar; Horta Coslada, de Arteixo, co seu director xeral, Alejandro Otero; Gabadi, de Narón, co seu director financeiro, José Luis Manso, e Thune Eureka, de Vilagarcía de Arousa, co seu director xeral Sergio Álvarez.
En palabras de Román Rodríguez, o papel dos centros de investigación e empresas galegas no maior laboratorio de física de partículas do mundo demostra “o sobresaínte traballo que se fai en Galicia en materia de I+D+i con investigadores excelentes e firmas de referencia que son quen de competir nun escenario internacional”.
A comitiva foi recibida pola galega Mar Capeáns, xefa do departamento de Infraestruturas do CERN, no que leva traballando desde hai máis de 30 anos. Durante a mañá do venres, a delegación coñeceu instalacións como o Centro de Datos do CERN, as String Facilities, onde se desenvolven os traballos para a próxima actualización do colisionador LHC (HL-LHC) ou o Science Gateway, o museo do CERN inaugurado en 2023. Nas diversas presentacións realizadas durante a mañá, abordáronse tamén asuntos como as oportunidades industriais que ofrece o CERN ou a estratexia en ciencia e tecnoloxía cuánticas da Organización.
A contribución do IGFAE ao CERN
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, centro mixto da USC e a Xunta creado en 1999, ten entre os seus obxectivos fundacionais o fomento e a coordinación da colaboración co CERN. Actualmente, arredor de 40 membros do IGFAE traballan en LHCb, un dos catro principais experimentos do CERN, liderando a participación española neste proxecto. O persoal do IGFAE ocupa cargos de alta responsabilidade nesta instalación, e liderou algunhas das análises de datos máis relevantes. Tamén tivo un papel protagonista no deseño, construción e instalación de proxectos como o Silicon Tracker ou o Vertex Locator (VELO), esenciais para rexistrar e analizar as colisións de partículas no LHCb.
No eido da física teórica, o IGFAE mantén unha longa colaboración co CERN en áreas de estudo como a cromodinámica cuántica, os neutrinos ou a física nuclear. O instituto galego tamén está presente nos grupos de discusión dos futuros proxectos da Organización, así como na Estratexia Europea de Física de Partículas. En total, máis de 70 membros do centro participan directamente no traballo desenvolvido pola Organización Europea para a Investigación Nuclear.
Por outra banda, a partir do labor científico e técnico do persoal do IGFAE, desenvolvéronse aplicacións e usos industriais que permitiron a transferencia do coñecemento ao tecido empresarial. Deste xeito, o labor do IGFAE axudou a que algunhas empresas galegas chegasen a traballar para o propio CERN.
No ámbito formativo, arredor de 40 estudantes de doutoramento están a desenvolver actualmente a súa tese no laboratorio europeo. A meirande parte analizan e interpretan, desde diversos enfoques, os resultados recollidos polo experimento LHCb. Por outra banda, desde a perspectiva teórica, o alumnado de doutoramento do Instituto investiga sobre a interacción forte, unha das catro forzas fundamentais da natureza, en condicións extremas como as que se producen no LHC.
“Ver como investigadores galegos fan posible que lideremos a participación española nun dos proxectos máis importantes do CERN é outro síntoma máis do gran potencial e talento que existe na nosa Comunidade”, subliñou o conselleiro Román Rodríguez durante a visita deste venres.
Este labor vese apoiado pola contribución do Centro de Supercomputación de Galicia. Desde 2004, o CESGA presta soporte computacional aos grupos de investigación galegos que colaboran en LHCb, para o almacenamento, procesamento e análise dos datos dos sensores instalados neste experimento.