Medio cento de persoas participan durante o xoves 9 e o venres 10 de xaneiro na reunión anual da comunidade española que traballa no experimento LHCb do CERN. Nesta ocasión, o IGFAE é o anfitrión desta cita, na que se comparten e debaten os principais avances vinculados a esta colaboración internacional. No encontro participan representantes da Universitat de Barcelona, Universitat Ramon Llull, do Instituto de Física Corpuscular (centro mixto da Universitat de València e o CSIC), da Universidade da Coruña e do IGFAE.
Durante as dúas xornadas, os grupos participantes compartiron os seus principais obxectivos de investigación no eido do experimento LHCb, que inclúen pescudas de nova física e a comprobación das predicións do Modelo Estándar da física en distintas observables no eido da física do sabor. Abordáronse as investigacións en marcha compartidas entre os distintos subgrupos presentes, e discutíronse opcións para novos traballos en conxunto, sempre co obxectivo de acadar o mellor rendemento da investigación da comunidade española no experimento.
Sobre LHCb
O experimento LHCb investiga a asimetría que existe no universo entre a materia e a antimateria, mediante o estudo do quark b (beauty, ou beleza). Está composto por unha serie de subdetectores que analizan as colisións das partículas lanzadas polo Gran Colisionador de Hadróns (LHC), situado na fronteira entre Francia e Suíza, baixo a sede do CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear). Nesta colaboración participan preto de 1.700 persoas (científicas, enxeñeiras e técnicas) que pertencen a case un cento de centros de investigación de 25 países.
O IGFAE é un dos membros fundadores de LHCb, e actualmente é o organismo español con maior presenza neste experimento. Desde os inicios da colaboración, o persoal do Instituto asumiu tarefas de alta responsabilidade, encargándose de fitos como a construción e instalación de dispositivos como o Silicon Tracker, o Vertex Locator (VELO), a análise dos datos compilados polo detector e a próxima actualización do experimento (Upgrade II).