O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, puxo en marcha neste mes de decembro dúas novas canles de difusión para facer chegar a súa actividade diaria á sociedade. O centro conta agora cun perfil propio na rede social Bluesky e cunha canle no servizo de mensaxería instantánea “Whatsapp”.

A apertura destas novas canles segue a liña das decisións tomadas nas últimas semanas por diversas institucións, e en concreto a Universidade de Santiago de Compostela, de abandonar a actividade na rede social X, por mor da deriva experimentada pola plataforma nos últimos meses. Diante desta situación, e na procura de alternativas, a USC iniciou a creación de contido na rede social Bluesky. Neste mesmo sentido, no ámbito estatal, boa parte dos centros de excelencia da Alianza Severo Ochoa e María de Maeztu (SOMMa), á que pertence o IGFAE, optaron tamén por abrir perfís nesta rede.

En canto a Whatsapp, o IGFAE lanzou a canle “IGFAE Today”, na que ofrecerá diversa información sobre a actividade e as novidades do centro, así como contidos que reflictan a vida cotiá no interior dun centro de investigación.

Estas accións enmárcanse na aposta do centro por achegarse á súa contorna máis inmediata a escala local e rexional e, ao tempo incrementar a súa proxección internacional. Co gallo do 25º aniversario do Instituto, que se conmemorou neste 2024, e a próxima finalización das obras da nova sede, o IGFAE pretende compartir coa cidadanía o seu labor científico e divulgativo, abrindo as portas das súas instalacións a diversos eventos, visitas guiadas, actividades educativas que reforcen o compromiso social do centro.

Alén das canles mencionadas, o IGFAE conta con perfís activos en InstagramLinkedIn e Youtube, nos que acumula preto de 5.000 seguidores.