A Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela abre, un ano máis, as súas portas á cidadanía este sábado 23 de novembro na oitava edición de Ciencia Singular. Nesta ocasión, a cita conta con algunhas novidades, entre elas, a incorporación do CRETUS (Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais), que se sumou este ano a CiQUS, CiMUS, CiTIUS e IGFAE como membro da rede CIGUS da Xunta de Galicia que acredita a calidade e impacto da investigación destes centros.

Desde primeira hora da mañá e ata o serán, persoas de todas as idades percorrerán as instalacións dos cinco centros da USC para coñecer, da man do seu persoal investigador, o labor científico punteiro que se desenvolve neles día a día. Para participar nas actividades é preciso un rexistro previo, que pode formalizarse na páxina web https://cienciasingular.usc.es/ desde o martes 19 de novembro ás 16.00 horas. Nesta páxina estarán accesibles os programas e horarios da xornada.

Dun xeito ameno e accesible, e a través de charlas divulgativas, visitas guiadas, obradoiros e experimentos, centos de visitantes poderán descubrir a investigación en áreas como a química, as tecnoloxías intelixentes, a medicina molecular, a física ou as ciencias ambientais e así fomentar vocacións científicas desde idades temperás.

CiQUS

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) mergullarase de cheo un ano máis na xornada de portas abertas. Máis de 60 persoas, entre as que se inclúen investigadores sénior e júnior, voluntarios e técnicos do centro, unirán esforzos o vindeiro día 23, achegarán dun xeito ameno investigacións dirixidas a afrontar desafíos urxentes en saúde, sustentabilidade e outros retos sociais. Os visitantes que se acheguen a este centro terán a oportunidade de coñecer de primeira man a investigación de vangarda que se desenvolve nos laboratorios de Eugenio Vázquez, Pablo Del Pino, María Tomás e Manuel Souto.

A maiores, durante o percorrido toparanse con distintos recunchos de ciencia que abordarán cuestións tan interesantes como o transporte de biomoléculas, os materiais electroactivos e a simulación molecular. Como é habitual, haberá tempo para percorrer as instalacións do centro e coñecer as principais técnicas instrumentais e as súas aplicacións, mentres os cativos gozan xogando coa ciencia nos obradoiros infantís, unha actividade especialmente deseñada para que os rapaces poidan aprender ao tempo que se divirten.

CiMUS

Este ano, o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) ofrecerá aos máis novos unha oportunidade única para aprender xogando e espertar a curiosidade científica cos obradoiros de ‘Ciencia Divertida’. Os nenos e nenas de 6 a 11 anos poderán experimentar coa auga máxica de cor cambiante, elaborar o seu dentífrico natural e explorar o fascinante mundo das células animais e vexetais a través do microscopio. O programa tamén incluirá charlas divulgativas centradas en temas de saúde e avances médicos para todos os públicos, que se retransmitirán en directo a través da canle de Youtube do CiMUS. Entre os temas destacados atópanse as enfermidades raras (Ángel Carracedo), tratamentos innovadores como a protonterapia (Yolanda Prezado), ata a prevención de enfermidades cardíacas (José Ramón  González Juanatey) e a investigación en Parkinson (Ana Isabel Rodríguez), abordando tanto os desafíos como as oportunidades en cada área.

O público adulto terá a oportunidade de visitar o laboratorio da plataforma Innopharma e o seu laboratorio de xestión automatizada de compostos para coñecer tecnoloxías punteiras en investigación, así como obradoiros que ofrecerán experiencias en áreas como o sistema nervioso e a figura científica de Santiago Ramón y Cajal, a utilidade de imaxes infrarroxas no estudo da graxa parda, o impacto do sono e a nutrición na saúde ou o ADN e mecanismos da división celular con realidade aumentada e microscopía. Finalmente, preséntase o proxecto de mecenado ‘Sumo Valor’ da USC, enfocado no desenvolvemento de nano-radiofármacos para combater o glioblastoma, “o tumor cerebral máis agresivo”.

CiTIUS

A edición 2024 da xornada Ciencia Singular no CiTIUS fará deste sábado unha cita que combina divulgación, tecnoloxía e aprendizaxe, ofrecendo actividades para todas as idades. O programa inclúe charlas inspiradoras, demostracións interactivas e obradoiros prácticos, cunha estrutura pensada para atraer tanto a persoas adultas como a crianzas a partir de 6 anos.

Entre as propostas para adultos destacan as charlas divulgativas, como ‘Realidade Virtual: da nanociencia a experiencias cercanas á morte’, a cargo de David Glowacki, investigador ERC – Oportunius do centro, ou ‘Tecnoloxías da lingua e humanismo: o papel da lingüística na Aprendizaxe Automática’, impartida pola investigadora posdoutoral Albina Sarymsakova. Ambos encontros explorarán como as novas tecnoloxías están moldeando a ciencia e o coñecemento humano.

As demos para adultos ofrecerán unha oportunidade única para coñecer casos de uso reais con intelixencia artificial e outras innovacións. ‘Game-CITIUS: a Intelixencia Artificial que aprende xogando’, ‘Nas profundidades da nanoscala: achegando o diminuto ao mundo real’ ou ‘Cámaras que saben cando te moves’ e ‘Aprendizaxe Federada: as IAs aprenden xuntas’ serán as actividades ideadas para explorar as fronteiras o traballo actual nestes eidos.

As crianzas volverán ter tamén un lugar destacado nesta edición, cunha serie de obradoiros que combinan xogo e aprendizaxe práctica. Entre eles destacan Batalla de robots, onde programarán máquinas autónomas; Crea o teu propio videoxogo, no que deseñarán o clásico Snake cunha consola personalizada; Carreira de LEDs, para experimentar con luces e patróns dinámicos; e Iniciación á Electricidade, onde aprenderán conceptos básicos montando circuítos simples de forma lúdica e educativa.

IGFAE

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia e acreditado como Unidade de Excelencia María de Maeztu por parte da Axencia Estatal de Investigación, estrea a súa nova sede nesta edición de Ciencia Singular. As instalacións, situadas na ala sur do edificio Monte da Condesa, ofrecerán deste xeito un novo aliciente ao público. Introducirase á cidadanía nos misterios aínda sen resolver desde os elementos fundamentais da materia ata os fenómenos máis fascinantes do universo así como nos experimentos desenvolvidos en grandes instalacións internacionais como o CERN, Pierre Auger, LIGO, FAIR, GANIL, NEXT ou DUNE.

Ademais das charlas para o público adulto (que abordarán temas como a morte das estrelas, os buracos negros, o gran reto da construción dos futuros aceleradores de partículas ou a explicación que a mecánica clásica ofrece para o movemento ‘gatuno’), o IGFAE achega tamén un programa complementario para a rapazada de entre 6 e 12 anos. Neste caso, haberá espazo para espectáculos físico-musicais sobre a composición da materia, obradoiros de construción de partículas elementais e átomos en tres dimensións. Tanto a cativada como as persoas adultas poderán, ademais, mergullarse nun observatorio mediante realidade virtual para ver os invisibles raios cósmicos, coñecer os novos laboratorios do Instituto e visitar espazos como o Laboratorio Láser de Aceleración e Aplicacións.

CRETUS

CRETUS ten como obxectivo central da súa axenda de investigación a busca e validación de solucións á problemas ambientais reais, nunha abordaxe multidisciplinar. Para dar a coñecer a súa actividade de I+D o centro organiza un programa tanto para adultos como para nenas e nenos no que abordan temas da súa axenda e que son de interese cidadán como as ameazas ós nosos mares, solucións para conseguir solos saudábeis e auga segura e alternativas para conseguir cidades e industrias sostibles.

Así, están programadas ao longo de toda a xornada conferencias temáticas e charlas con demostracións que requirirán da participación dos asistentes, sobre temas tan atractivos como o impacto do lixo sobre o mar, a implicación social nos proxectos tecnolóxicos, a presenza do radon en Galicia e riscos asociados a súa inhalación ou a obtención de bioplásticos a partir de residuos. Tamén farase unha aproximación aos problemas de contaminación na antigüidade. En paralelo, están programados para o público infantil cinco obradoiros baixo o titulo ‘O planeta precisa de nós. Fagamos equipo!’ para espertar o seu interese sobre o coidado do planeta, con temas como a compostaxe, tratamento de augas, o cálculo da pegada ambiental da dieta alimentaria ou os beneficios da exploración de contornas naturais mediante sistemas de realidade  virtual.