O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, convoca un ano máis o seu Concurso de Comunicación Científica IGFAE C3. Poderán participar no certame persoas de todo o mundo, que aborden nos seus traballos temáticas relacionadas coa Física, especialmente nas áreas de investigación do IGFAE (física de partículas, astropartículas ou nuclear, astrofísica, física médica ou áreas relacionadas).
O concurso divídese en catro categorías; fotografía, vídeo, artigos e proxectos orixinais, ás que se poderán presentar propostas desenvolvidas en galego, español ou inglés. En cada unha delas outorgarase un premio de 400 euros.
Anímase especialmente a participar ao persoal investigador dos organismos públicos de investigación; estudantes de doutoramento, máster e grao; alumnado de ESO e Bacharelato e profesorado que traballa no ámbito da docencia da Física, así como profesionais da divulgación científica e xornalistas.
Este certame ten por obxectivo fomentar o interese pola cultura científica e estimular a aprendizaxe da Física e os seus fundamentos. Trátase dunha iniciativa do grupo de divulgación do IGFAE, e forma parte da VII Semana da Ciencia do IGFAE, que terá lugar no mes de novembro de 2024. No marco desta celebración, anunciaranse os traballos gañadores.
As bases completas poden consultarse nesta ligazón (documento en PDF).