2ª edición Residencias ArtLab IGFAE
O IGFAE e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia convocan a segunda edición das Residencias ArtLab IGFAE, dirixida a proxectos creativos que conecten arte e física. O programa seleccionará unha proposta, coa posibilidade de que a persoa ou colectivo seleccionados se integre durante varias semanas na vida cotiá dun centro de investigación, traballando tamén nos espazos REGA da Cidade da Cultura.
Novas maneiras de achegar a física á sociedade
A Fundación Cidade da Cultura de Galicia e o IGFAE lanzan a segunda convocatoria das Residencias ArtLab IGFAE, que ofrecerán ao proxecto elixido a posibilidade de traballar durante varias semanas neste centro de investigación.
O obxectivo da residencia é desenvolver un proxecto artístico relacionado coas áreas científicas nas que traballa o persoal do IGFAE, permitindo así a exploración, por parte da institución, de formas alternativas de comunicación coa arte e a sociedade.
Para familiarizarse con esta investigación, o proxecto poderá integrarse no labor cotián do IGFAE (durante un máximo de 8 semanas e un mínimo de 3 semanas), dispoñendo dun espazo de traballo nas súas instalacións, achegándose así ás diversas investigacións e proxectos, os seus obxectivos, os métodos científicos empregados e os enfoques experimentais desenvolvidos.
Durante a estadía, a proposta seleccionada recibirá tamén titorización científica e artística, mediante colaboracións co persoal do IGFAE e profesionais con experiencia no comisariado e xestión de proxectos artísticos. A residencia tamén se realizará nos espazos REGA da Cidade da Cultura (durante un máximo de 6 semanas e un mínimo dunha semana), onde se poderá tirar proveito dun espazo de traballo propio e dos equipamentos, recursos técnicos e humanos da Cidade da Cultura.
Aberta a todo tipo de formatos
O formato do proxecto artístico é totalmente aberto (pintura, escultura, fotografía, artes de acción, arte obxectual, arte sonora, arte en rede, arte interactiva, arte participativa, entre outras). A proposta debe abrirse ás novas perspectivas no campo da arte, da ciencia, da tecnoloxía e da sociedade. A obra de arte proposta pode ser totalmente nova ou unha ampliación dunha obra en curso.
Financiamento
A proposta seleccionada recibirá unha achega de 8.000 euros, ademais do aloxamento nunha residencia universitaria durante o desenvolvemento do proxecto.
Bases da convocatoria e formulario de solicitudes