O European Nuclear Physics Conference (EuNPC 2022), o maior congreso de física nuclear do continente europeo botou a andar este luns en Santiago de Compostela con máis de 200 participantes de dentro e fóra da rexión. Nesta quinta edición, organizada de forma conxunta pola División de Física Nuclear da Sociedade Europea de Física, o Grupo especializado de Física Nuclear da Real Sociedade Española de Física e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), o programa céntrase en nove bloques temáticos que revisan e discuten o estado e as perspectivas da física nuclear e as súas aplicacións. O congreso confórmase como un escaparate dos desenvolvementos teóricos e experimentais de vangarda, onde se promoverá ata o venres 28 de outubro a interacción entre as investigacións máis destacadas e os conceptos innovadores neste campo.

O acto inaugural estivo presidido pola presidenta do comité organizador e investigadora do IGFAE Dolores Cortina, o director do IGFAE Carlos Salgado e a presidenta de la División de Física Nuclear da Sociedade Europea de Física Alison Bruce.

No congreso entregaranse dous dos tres prestixiosos premios que outorga a División de Física Nuclear: o premio Lise Meitner 2022 a Phil Walker (University of Surrey) polas súas contribucións fundamentais á comprensión dos estados nucleares excitados de longa duración «isoméricos» e os factores que determinan as súas vidas medias; e o premio ás mellores Teses doutorais 2021 en física nuclear experimental, teórica ou aplicada para Giuliano Giacalone, Jonas Karthein e Ágota Koszorús, respectivamente.

Últimas prazas para a obra teatral “Proyecto Meitner: Recordando a Lise Meitner”

No marco deste congreso, o IGFAE trae por primeira vez a Galicia a obra de teatro “Recordando a Lise Meitner” que recupera a memoria desta científica brillante, quen descubriu a fisión nuclear xunto ao seu compañeiro de laboratorio Otto Hahn e cuxo Nobel foi outorgado en solitario a este último. “Recordando a Lise Meitner” representarase hoxe ás 21:00 h para público xeral e mañá ás 10:00 h para institutos, seguido dun coloquio con físicas do congreso e os artistas da obra. Ambas as funcións celebraranse no auditorio Abanca de Santiago, con entrada libre ata completar as últimas prazas dispoñibles.

“Proyecto Meitner: Recordando a Lise Meitner” é unha iniciativa impulsada polo Instituto de Física Corpuscular (IFIC) do CSIC e a Universitat de València coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación e o Instituto Valenciano de Cultura, a Fundación General do CSIC e a Unitat de Igualtat da Universitat de València, cuxa produción artística corre a cargo da compañía teatral CRIT.

Crédito imaxes: Elena Mora (IGFAE).