O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, recibiu o pasado venres 14 de abril unha nova visita ás súas instalacións do Campus Vida.

Nesta ocasión, foi o alumnado do IES Milladoiro (Ames) o que coñeceu de preto algúns dos laboratorios e espazos de traballo do IGFAE. Estudantes e profesorado participaron nunha charla de benvida na que puideron aprender máis sobre as principais liñas de investigación do centro. A continuación, achegáronse a algúns dos laboratorios, onde observaron, entre outros espazos, o funcionamento da cámara de néboa deseñada polo persoal do IGFAE, ou a achega do centro ao experimento internacional DUNE para o estudo dos neutrinos.

Visitas de centros de ensino ao IGFAE

A visita do IES Milladoiro ao IGFAE enmarcouse nas actividades que desenvolve o centro, como parte do seu compromiso de divulgar a actividade científica e achegarse á sociedade.

Os percorridos guiados, dirixidos principalmente aos centros de educación secundaria, son dirixidos polo noso persoal investigador. Alumnado e profesorado pode coñecer, desta maneira, o traballo diario no centro e as súas principais áreas de investigación, con explicacións adaptadas ao nivel do alumnado.

Se como docente tes interese en organizar unha visita ao IGFAE, enche o seguinte formulario coa información solicitada e poñerémonos en contacto contigo para concretar os datos da visita.

As visitas serán os venres, para grupos reducidos duns 25 estudantes, e cunha duración de 2 horas aproximadamente.