En colaboración cos Polos Creativos da Xunta de Galicia
A materia peza a peza
Un divertido ‘kit’ para construír átomos con pezas encaixables
Coñecendo os elementos fundamentais
O IGFAE e o programa Polos Creativos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia alíanse para achegar a física de partículas ao alumnado galego da ESO. O proxecto “A materia peza a peza” é un dos ‘kits singulares’ de Polos Creativos, que se levarán aos centros que imparten secundaria. En total, preparáronse arredor de 500 ‘sacos de materia’, cun total de 215.000 pezas, nunha das maiores accións de didáctica da física de partículas realizada en Europa.
Cada saco está composto por 420 pezas de construción encaixables. Cada cor representa unha partícula elemental da materia: 180 pezas laranxas, que corresponden a quarks up, 180 azuis que corresponden a quarks down, 60 branca que corresponden a electróns. A información complétase cunha guía didáctica accesible na aula virtual de Polos Creativos.
As cores das pezas deste ‘kit’ singular non son triviais, xa que o laranxa, o azul e o branco poden ser distinguibles para as persoas con daltonismo (condición coa que conviven arredor de 1 de cada 12 homes e 1 de cada 200 mulleres).
Como construír átomos
Con estas pezas é posible construir protóns (compostos por 2 quarks up e 1 quark down) e neutróns (con 2 quarks down e 1 quark up) que, xunto cos electróns, permiten a ‘montaxe’ de átomos. Por exemplo, proponse a construción de helio, osíxeno, hidróxeno, carbono, algúns dos seus isótopos como o deuterio ou o Carbono-14, utilizado para a datación de restos arqueolóxicos, ou a agregación en moléculas, como a auga ou a auga osixenada.