O director da Axencia Estatal de Investigación (AEI), José Manuel Fernández de Labastida, visitou este xoves 2 de xullo a sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE).
Labastida estivo acompañado por Lourdes Armesto, Directora de Xestión Científica e Tecnica da AEI, e Gonzalo Arévalo, vogal asesor do director xeneral, e de María José Mariño Fontenla, directora da área de Talento e Transferencia da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia.
Todos foron recibidos polo director do IGFAE, Carlos Salgado, e o director adxunto, Abraham Gallas. Durante a súa visita, mantiveron un coloquio co persoal do IGFAE sobre as convocatorias impulsadas pola AEI, alén de coñecer algúns laboratorios do centro.
A visita ao IGFAE enmarcouse na axenda de Labastida e o seu equipo en Galicia, na que tamén coñeceron outros centros da USC como o CiQUS, o CiMUS, o CiTIUS, o CRETUS e o iMATUS, así como o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC. O programa tamén incluíu un encontro con representantes da USC e a Xunta de Galicia.

Vínculo con Galicia e a USC
Na súa visita, Labastida lembrou o seu vínculo a Galicia e a USC, á que pertenceu durante case dúas décadas, sendo catedrático de Física Teórica, incluíndo a súa etapa como decano da Facultade de Física e da Escola de Posgrao. O seu traballo contribuíu a sentar as bases do IGFAE, ao que pertencía no momento da súa creación. Desde 2024 é, ademais, membro da Real Academia Galega de Ciencias.
Posteriormente, continúo a súa carreira no ámbito da xestión e a política científica, en institucións como o Ministerio de Ciencia, o CSIC ou o European Research Council (ERC), do que foi o primeiro responsable do seu departamento científico.
As convocatorias e programas de financiamento da AEI foron e son esenciais para o desempeño do IGFAE, como a Unidade de Excelencia María de Maeztu, os programas Ramón y Cajal, Xeración de Coñecemento ou Consolidación Investigadora, así como os contratos de Formación de Profesorado Universitario (FPU) para a realización de teses doutorais.