O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, convoca a quinta edición das súas bolsas de verán, dirixidas a alumnado de grao universitario.

Esta convocatoria, impulsada pola Rede de Centros Singulares de Investigación da USC (composta por CiMUS, CiQUS, CiTIUS e IGFAE), está financiada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia.

As bolsas de verán teñen o obxectivo de fomentar a iniciación do alumnado en proxectos de investigación, no marco do labor científico que se desenvolve no IGFAE. O alumnado interesado integrarase no traballo dalgunha das áreas estratéxicas de investigación do IGFAE,  ou ben nalgún dos departamentos da Unidade de Xestión.

Convócanse un mínimo de 10 prazas, nas seguintes condicións:

✅  As persoas solicitantes deberán estar cursando un dos dous últimos anos da titulación, ter superado, canto menos, o 55% dos créditos e unha nota media igual ou superior a 8 sobre 10.

📊 Os criterios de selección e adxudicación establécense sobre unha puntuación máxima de 10 puntos: o 70% da valoración será o expediente académico; un 20 %, polo currículo vítae (publicacións, premios e formación relacionada coa bolsa); e un 10%, pola carta de presentación.

🧮⚛️Oito das dez bolsas resérvanse para alumnado de Física, Matemáticas, ou o dobre grao de Matemáticas e Física, ou graos equivalentes. Son benvidas as candidaturas de calquera outra área de coñecemento.

📅 As prácticas desenvolveranse durante un mes, preferentemente do 1 ao 31 de xullo de 2024.

💶🛌 A bolsa ten unha contía de 780 € brutos. Inclúe aloxamento nun cuarto individual nunha residencia da USC, sem pre que a estadía se realice no período preferente. De non ser neste período, o aloxamento estará supeditado á dispoñibilidade de prazas e orzamento.

🚍 Ofrécense axudas de desprazamento para as persoas que residan fóra de Santiago de Compostela: ata 80 € para alumnado de Galicia; ata 500 € para alumnado de fóra de Galicia; e ata 5000 € para alumnado doutros países, de acordo cos prezos de mercado das viaxes e sempre que as posibilidades orzamentarias o permitan. As axudas deberán xustificarse con documentos que acrediten os gastos.

📝 Cubriranse os custos derivados de calquera trámite relacionado coa obtención dos documentos que autoricen a estadía en España, o rexistro na Seguridade Social e obtención dunha conta bancaria válida para a percepción da axuda.

⏰ O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 22 de maio de 2024 ás 23.59 (Ligazón ao formulario de solicitude).

As bases completas poden consultarse no Taboleiro electrónico da USC.

Sobre o IGFAE

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), é un centro de investigación creado en 1999 pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia. Naceu co obxectivo de coordinar e fomentar a investigación científica e técnica nos campos da Física de Alta Enerxía, Partículas e Nuclear, e áreas relacionadas como a Astrofísica, a Física Médica ou a Instrumentación. Acolle a máis de 140 persoas que participan en instalacións experimentais como o CERN, LIGO, GSI/FAIR ou o Observatorio Pierre Auger, entre outras.

O labor científico do IGFAE e a súa proxección internacional outorgáronlle, en dúas ocasións, a acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, que concede a Axencia Estatal de Investigación. Ata o momento, e o único centro galego que acadou este prestixioso selo. O IGFAE conta tamén co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.

O IGFAE é unha institución que ofrece igualdade de oportunidades e comprométese a aumentar a diversidade do seu persoal, polo que acolle con especial satisfacción as solicitudes de mulleres, minorías e persoas con discapacidade. O IGFAE dispón dun Plan de Igualdade e Diversidade e traballa activamente para aumentar o equilibrio de xénero, xeográfico e de minorías dentro do instituto. Ofrecemos un horario flexible para conciliar a vida laboral e familiar.