O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, dá a coñecer os traballos gañadores na sétima edición do seu concurso de comunicación científica IGFAE C3.

Estas son as propostas galardoadas nas catro modalidades:

Na categoría de Artigos, Partículas, azucre e impostos, de Anxo Vidal Nogueira

Por combinar elementos científicos e históricos, xunto a aspectos da vida cotiá, para construír un relato de grande interese. Faino, ademais, usando como fío un concepto relevante da física, como é a polarización da luz, dun xeito accesible e didáctico para todo os públicos.


Na categoría de Fotografía, Corona solar, de Carlos López Martínez

Por representar de maneira creativa unha das propiedades máis coñecidas das ondas de luz. A través desta composición, que combina de maneira acertada as formas circulares co contraste entre as zonas claras e escuras da imaxe, é posible visualizar o fenómeno da difracción, convertendo deste xeito a fotografía nun elemento de gran valor divulgativo.

Nesta mesma categoría, o xurado tamén acordou outorgar unha mención de honra á proposta A la sombra de gigantes, de Nahuel Nallib Castaño Lludgar, por conseguir captar, mediante un traballo de notable complexidade técnica, un evento astronómico que leva milenios asombrando á humanidade,


Na categoría de proxecto, Tarot fundamental, de Rebeca Díez-Quijada Combarros

Por construír, partindo das forzas que rexen as interaccións entre as partículas elementais, un xogo cunha notable compoñente creativa e cun importante potencial de uso como recurso didáctico. A atribución de roles a cada forza, xunto coas ilustracións, permite achegar as súas características a un público non especializado.


Na categoría de Vídeos, Minando isótopos, de Alicia Muñoz Ramos

Por comunicar conceptos clave da física nuclear, construíndo o relato, dunha forma orixinal e atractiva, a través dun célebre videoxogo, para explicar o traballo científico desenvolvido en laboratorios da mencionada disciplina.

Nesta mesma categoría, o xurado tamén acordou outorgar unha mención de honra a Lluvia desde las estrellas, de Antonio Manuel Morón Pardo e María del Mar Gutiérrez Vílchez, por un traballo de gran complexidade técnica e creatividade que describe, desde a ciencia ficción, a relevancia científica dos neutrinos, e os métodos que se desenvolven para o seu estudo e detección.