O CERN Festival Programme sitúa Galicia no mapa internacional da divulgación científica
21.07.2026
A sede do IGFAE acolleu este martes 21 de xullo a presentación do CERN Festival Programme, que chegará este verán por primeira vez a Galicia. Será no festival Revenidas, en Vilaxoán de Arousa, do 10 ao 13 de setembro. Alí instalarase o escenario “Ondas e Partículas”, polo que pasarán algúns dos referentes da divulgación científica en Galicia e España. A actividade está promovida polo propio IGFAE e o Festival Revenidas, en colaboración coa CERN & Society Foundation e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), e o apoio da Xunta de Galicia.
No acto estiveron presentes o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC, Ana Cabana; o director do IGFAE, Carlos Salgado; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo Queijo; director festival Revenidas; Xoán Quintáns, e o investigador do IGFAE Jose Edelstein, que será un dos poñentes no escenario “Ondas e Partículas”. A cita contou tamén cunha breve actuación de Tapa d’Orella, un dos grupos que formará parte do cartel musical do festival Revenidas.
O cartel científico contará con nomes como Eduardo Sáenz de Cabezón, matemático e presentador do programa Órbita Laika de TVE; Verónica Bolón, investigadora da Universidade da Coruña e premio Nacional de Investigación “María Andresa Casamayor”; os investigadores do IGFAE Juan Calderón Bustillo, Marta Reina Campos e o propio José Edelstein, así como referentes da divulgación nas redes sociais, como Adrián García (El Físico Barbudo), ou a investigadora do CERN Paula Desiré.
Entre os temas que se abordarán no escenario figuran as eclipses que se vivirán na península ibérica entre 2026 e 2028, os buracos negros, a protonterapia, a necesidade dunha IA máis sostible, a relevancia da ciencia en deportes como o baloncesto ou o fútbol, ou a física arredor dos pogos dos concertos. Tamén haberá espazo para obradoiros para degustar xeados feitos con nitróxeno líquido, observar cámaras de néboa ou construír cargadores solares. Igualmente, está previsto que polo escenario “Ondas e Partículas” pasen algúns dos artistas do cartel musical das Revenidas.
Durante a presentación celebrada este martes, as persoas representantes das institucións implicadas salientaron como o proxecto tende pontes entre a investigación e a sociedade, achegando o coñecemento a un público non especializado. Carlos Salgado, director do IGFAE, incidiu na vontade do IGFAE en achegarse ás artes desde diversas perspectivas, en liña co traballo que se vén facendo nos últimos anos con iniciativas como as residencias artísticas Artlab IGFAE.

Por parte do festival Revenidas, o seu director, Xoán Quintáns, destacou o valor de “iniciativas coma esta, que buscan coñecer mellor o mundo no que estamos, ser creativos e solucionar os problemas do día a día”.
Jose Edelstein, investigador do IGFAE, e un dos referentes da divulgación en lingua castelá, falou da súa experiencia previa no CERN Festival Programme, na edición celebrada en 2024 en Castellón: “A miña impresión é que o mellor público é a xente que cre que a ciencia non vai con ela, de súpeto entra na charla e atópase con algo fascinante que non coñecía”.
A vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC, Ana Cabana, expuxo: “Levar a ciencia a un espazo de encontro, de convivencia e de celebración da cultura é unha forma extraordinaria de derrubar barreiras entre a investigación e a cidadanía”.
Pechou o acto o conselleiro Román Rodríguez, que puxo o acento en que este proxecto “estreita aínda máis o vínculo de Galicia, a USC, e o IGFAE co CERN” –en referencia ao proceso aberto para a construción dun prototipo do Future Circular Collider- e faino “dun xeito divertido para as persoas, explicando o que é a ciencia e para que serve, facendo avanzar á sociedade”.
O CERN Festival Programme é unha iniciativa impulsada pola CERN & Society Foundation. Desde o ano 2016, a Organización Europea para a Investigación Nuclear promove este proxecto co obxectivo de achegar a ciencia a públicos que non adoitan acudir a eventos de divulgación. Nos seus 10 anos de traxectoria, o programa acolleu a decenas de miles de asistentes a festivais en Reino Unido, Alemaña, España, Estados Unidos, Eslovaquia ou Dinamarca. A das Revenidas será a única parada este ano na península ibérica do CERN Festival Programme.