A exposición Outro e sobre si, do artista Andrés Rodís, abriu o xoves 15 de outubro as súas portas ao público no Museo Gaiás da Cidade da Cultura. A mostra é o resultado da primeira edición da Residencia ArtLab IGFAE, unha iniciativa da Xunta de Galicia e a USC que naceu en 2025 para tecer fíos entre a investigación en física de partículas e a creación contemporánea galega. Outro e sobre si poderá visitarse de balde no andar 1 do Museo Centro Gaiás ata o 10 de xaneiro de 2027.
No acto de apertura participaron, xunto ao artista, o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; a vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta da USC, Almudena Hospido; o director do IGFAE, Carlos Salgado; e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. No marco desta apertura, o IGFAE acolleu o mesmo 15 de outubro, á tarde, un encontro con Andrés Rodís, aberto ao público xeral, no que o artista conversou con persoal investigador do IGFAE, co obxectivo de continuar o diálogo entre artes e ciencias que se abriu con esta residencia, explorando os camiños polos que discorreu o proxecto de Outro e sobre si.
Achegamento á cuántica desde a creación artística
A proposta de Andrés Rodís (Santiago de Compostela, 2000) aborda, a través de 25 pezas que inclúen pinturas, colaxes, impresións dixitais e unha vídeo-proxección, algúns dos principios da mecánica cuántica. Estas teorías, desenvolvidas nos anos 20 do século pasado, non só revolucionaron a física de partículas, senón que transformaron a percepción humana sobre a realidade, e tiveron unha profunda influencia na filosofía e nas artes.
Na súa interacción co persoal investigador do IGFAE, durante a estadía que desenvolveu no centro a comezos deste 2026, o artista compostelán achegouse a postulados como o principio de incerteza de Heisenberg, ou o concepto de superposición, dous dos piares da cuántica. Tamén puido coñecer as tecnoloxías e os experimentos que validan estes principios teóricos, reflexionando sobre como a propia medición intervén sobre o observado, así como afondar no debate ao redor do par sinal-ruído. Posteriormente, Andrés Rodís completou a residencia nos espazos REGA da Cidade da Cultura, onde deu forma ás pezas que compoñen Outro e sobre si.
IGFAE Labs
Esta residencia artística enmárcase na vontade do IGFAE de orientar o seu labor cara a unha investigación e unha innovación máis responsables coa sociedade. Co gallo da acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu -obtida en 2017 e renovada en 2024- o centro mixto da USC e a Xunta de Galicia puxo en marcha os IGFAE Labs, programas concibidos como espazos de encontro entre as artes (ArtLab), a educación (EduLab) ou a transferencia de tecnoloxía (TechLab).
Ao abeiro do ArtLab xurdiron ciclos de diálogo como Transfronteirizas, desde 2020, e exposicións como Cosmoloxías (Irene Dubrovsky, Pazo de Fonseca, 2019) ou Instrumentos de visión (con Armin Linke, Mónica Bello e Arts at CERN, Igrexa da Universidade, 2024).
Convocatoria aberta para a 2ª edición
A Fundación Cidade da Cultura de Galicia e o IGFAE lanzaron en setembro a segunda convocatoria desta residencia, cuxo prazo estará aberto ata o 1 de febreiro de 2027. As candidaturas poden abrirse a todo tipo de formatos, relacionados coas áreas científicas nas que traballa o persoal do IGFAE.
A proposta seleccionada poderá integrarse na actividade cotiá do IGFAE, durante un mínimo de tres semanas e un máximo de oito, dispoñendo dun espazo de traballo, interactuando co persoal do Instituto e recibindo titorización científica e artística. A residencia continuará posteriormente nos espazos REGA da Cidade da Cultura (durante un mínimo dunha semana e un máximo de seis), onde, alén do espazo propio de traballo, ofreceranse os equipamentos, recursos técnicos e humanos para facer realidade o proxecto.





