Base de datos Buscar
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

23.06.2026

O prototipo do futuro colisionador do CERN, unha oportunidade sen precedentes para a ciencia e a industria galegas

Representantes do CDTI, Xunta de Galicia, USC e IGFAE. antes de comezar o acto. Foto: Xunta de Galicia.
Representantes do CDTI, Xunta de Galicia, USC e IGFAE. antes de comezar o acto. Foto: Xunta de Galicia.

A sede do IGFAE foi escenario este martes 23 da xornada de presentación da Consulta Preliminar de Mercado sobre a construción dun prototipo para o Future Circular Collider (FCC) do CERN, un dos retos científicos e tecnolóxicos máis relevantes das próximas décadas.

Máis de 130 empresas e axentes de I+D+I participaron no acto, que se desenvolveu de maneira tanto presencial como en liña, onde se expuxeron tanto as claves científicas e tecnolóxicas que supón este proxecto, como o consulta ao mercado e a futura licitación da compra pública precomercial, financiada con Fondos Feder.

No acto, presentouse o reto tecnolóxico que supón a construción deste prototipo, da man de Carlos Salgado, director do IGFAE, e Antonio Fernández Prieto, enxeñeiro electrónico do Instituto. Desde a perspectiva do procedemento administrativo, por parte do Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI), entidade do Ministerio de Ciencia e Innovación que impulsa a iniciativa, interveu a coordinadora do reto dirixido ao FCC Soledad Ilarduya.

O director do IGFAE, Carlos Salgado, e o enxeñeiro Antonio Fernández Prieto presentaron o reto tecnolóxico que supón a construción do prototipo. Foto: IGFAE.

O director do IGFAE, Carlos Salgado, e o enxeñeiro Antonio Fernández Prieto presentaron o reto tecnolóxico que supón a construción do prototipo. Foto: IGFAE.

Na presentación da xornada participaron a reitora da USC, Rosa Crujeiras; o conselleiro de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; e a directora de Certificación e Compra Pública Innovadora do CDTI, María Vega Gil Díaz.

Rosa Crujeiras salientou: “Como universidade, somos un axente activo na transferencia de coñecemento e na construción de respostas aos grandes desafíos colectivos. A nosa misión é xerar coñecemento de excelencia, formar ás futuras xeracións e contribuír ao progreso social, económico e técnico, e este reto é un grandísimo exemplo disto”.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, expuxo: “É un orgullo que Galicia poida estar presente neste desafío mundial”, que significa “ir un pouco máis alá: non só desenvolver un prototipo, senón facer física nova”.

Por parte do Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI), a directora de Certificación e Compra Pública Innovadora, María Vega Gil Díaz, “É un pracer ver o interese e as expectativas que está xerando esta iniciativa”. Por parte desta entidade pública, dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, tamén participaron Ana Isabel Rodríguez, xefa da Oficina de Compra Pública Innovadora, e Eduardo Serrano, técnico xurídico da mesma oficina.

Consulta preliminar de mercado

Coa finalidade de chegar a construír en Galicia dito prototipo, está aberta a consulta preliminar ao mercado para que as empresas interesadas na fabricación do mesmo poidan expresar o seu interese ata o día 9 de xullo. A construción do prototipo implicará tanto á academia como ao tecido industrial especializado no ámbito dos aceleradores de partículas. Dada a magnitude do proxecto e a súa complexidade científica, técnica e financeira, é precisa unha colaboración estreita a todos os niveis.

A través desta consulta, búscase coñecer o grao de desenvolvemento de tecnoloxías novidosas e relevantes no ámbito dos colisionadores de partículas para facer o prototipado completo e preindustrialización dunha sección representativa do Futuro Colisionador Circular (FCC-Future Circular Collider). Esta consulta marca o inicio do proceso de compra pública innovadora na modalidade de contratación precomercial levada a cabo polo CDTI e destinada a articular a participación de empresas e outros axentes do ecosistema de I+D+i neste reto.

Neste proceso, o CDTI impulsa o procedemento da consulta preliminar ao mercado e a Compra Pública Precomercial; a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación, actúa como comprador público; e o IGFAE, como promotor científico técnico, é o centro de coñecemento que define, monitoriza e valida o prototipo.

Un prototipo para unha ‘maqueta’ de 43 metros

Co fin de deseñar e probar todas as compoñentes da primeira fase do futuro FCC, está prevista a construción dunha maqueta de 43 metros de lonxitude, na que se ensamblarán os prototipos que se desenvolverán nos respectivos países implicados no proxecto. Cando se constrúa o FCC, deberá replicarse ata 2.000 veces esta maqueta, concibida como unha unidade básica, chamada cela de arco (arc cells), ata completar toda a circunferencia.

Cada unha destas celas contará con imáns dipolares para curvar o feixe das partículas, así como imáns cuadrupolares e sextupolares que enfocan e desenfocan este feixe. Estes últimos están contidos nunha subunidade, chamada Sección Recta Corta (Short Straight Section – SSS), que é o obxecto concreto desta proposta. Para este fin, desenvolverase un banco de probas cun deseño a tamaño real, que será ensamblado e comisionado nas instalacións do propio IGFAE, para ser logo validado no propio CERN.