Estas axudas, destinadas a Centros Severo Ochoa e Unidades María de Maeztu, teñen como obxectivo reter talento local de excelencia e atraer a investigadores estranxeiros a España e Portugal. Este investigador realizará a sua tese no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías no eido dos raios cósmicos durante os próximos tres anos

A Fundación “la Caixa” vén de anunciar os 110 beneficiarios do seu programa de bolsas de doutoramento INPhINIT e posdoutoramento JuniorLeader para realizar proxectos en universidades e centros de investigación de referencia en España e Portugal. Das 1.308 solicitudes recibidas para as 65 bolsas de doutoramento ofertadas, só unha recalou en Galicia coa incorporación de Miguel Alexandre Martins ao IGFAE, centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta de Galicia.

Nacido en Beja en 1998, este investigador é graduado en Ciencias da Enxeñería – Enxeñería Física e Máster en Enxeñería Física polo Instituto Superior Técnico de Lisboa. No IGFAE continuará a liña de investigación iniciada durante o máster co seu supervisor Lorenzo Cazón, na actualidade investigador Ramón e Cajal no IGFAE, e con quen desenvolverá a súa tese no campo dos raios cósmicos. As bolsas teñen unha duración de tres anos, unha dotación económica total de 122.592 euros para o período e un programa de formación complementaria integral en soft skills, benestar do investigador e preparación para o futuro. Desta maneira, o IGFAE continua coa súa política de captación de talento investigador estranxeiro de excelencia, que se suma aos bolseiros INPhINIT Filip Juruković e João Barata, e os bolseiros Junior Leader Riccardo Borsato, Juan Calderón Bustillo e Aarón Alejo Alonso.

Caracterización de raios cósmicos de ultra alta enerxía

A terra é bombardeada constantemente por raios cósmicos, partículas ultra enerxéticas de orixe astrofísico que ao interaccionar coa atmosfera terrestre producen unhas chuvias de partículas (extensive air showers) cuxa enerxía, dirección e composición da masa pódese reconstruír con detectores como os do Observatorio Pierre Auger. Porén, debido ás súas enerxías tan extremas, as interaccións hadrónicas destas primeiras chuvias non son moi precisas e, ademais, observouse un déficit significativo do número medio de muóns nas devanditas chuvias. Un dos principais obxectivos da súa tese será seguir investigando a relación entre os observables da choiva de muóns e a física das interaccións de máis alta enerxía, o que permitirá determinar con maior precisión a composición de masas dos raios cósmicos, proporcionando en última instancia pistas sobre a súa orixe.

“Decanteime polo IGFAE ‒explica Miguel Martins‒ porque entre os investigadores do instituto atópanse líderes neste eido e un coordinador científico, Enrique Zas, da Colaboración Pierre Auger, que dirixe o Observatorio Pierre Auger, actualmente o maior observatorio de raios cósmicos. Destaca que “o IGFAE desenvolveu e segue actualizando a reconstrución das chuvias inclinadas, cunha compoñente muónica dominante que permite medir con maior precisión a súa escala e as fluctuaciones entre elas. Isto é clave para afinar mellor os modelos de interacción hadrónica, constrinxir os fenómenos de física exótica e comprender mellor a orixe do crebacabezas dos muóns. Ao mesmo tempo, pode restrinxir aínda máis a composición da masa dos raios cósmicos, o que acouta as súas posibles fontes e mecanismos de propagación. Ademais, as chuvias inclinadas ofrecen un marco para estudar o fluxo de neutrinos, que, aliado coa medición doutros tipos de sinais e partículas, constitúe unha forma de física multimensaxeiro, outro dos campos máis fortes do IGFAE”, apunta este investigador.